O BNG pedirá explicacións á Xunta pola cancelación da 52ª edición da Subida a Chantada

O Bloque Nacionalista Galego solicitará explicacións no Parlamento de Galiza tras a suspensión da 52ª edición da Subida a Chantada, unha proba histórica do automobilismo que forma parte do Campionato de España de Montaña.
O responsable local do BNG en Chantada e portavoz de Deportes do grupo parlamentar, Iago Suárez, cualificou a noticia como “triste e indignante”, subliñando que se trata dunha competición “tan importante para Chantada, a Ribeira Sacra e toda Galiza”. A proba, que se celebra desde 1969, é unha das máis recoñecidas do calendario automobilístico e un referente tanto a nivel galego como estatal.
Segundo a información trasladada pola Escudaría Chantada, organizadora do evento, a cancelación responde á falta de recursos económicos suficientes para garantir as condicións de seguridade e calidade necesarias para a súa celebración.
Ante esta situación, Suárez anunciou a presentación de iniciativas parlamentarias para “pedir explicacións á Secretaría Xeral para o Deporte” pola suspensión dunha cita que considera clave para o deporte galego. Neste sentido, advertiu de que “o goberno galego debe facer todo o que estea na súa man para evitar situacións como esta que tanto poden danar o prestixio dunha proba que é motivo de orgullo”.
O dirixente nacionalista puxo tamén o foco na repercusión económica do evento, lembrando que “non se trata só da propia proba en si, senón tamén da dinamización económica que esta trae á nosa vila e ao noso concello”, especialmente durante a fin de semana da competición, cando numerosos negocios locais se ven beneficiados.
Desde o BNG de Chantada e o Grupo Parlamentar do BNG apelan á colaboración da Xunta de Galiza coas administracións implicadas, coa Escudaría Chantada e coa Federación Galega de Automobilismo para “tentar evitar que esta suspensión sexa definitiva” e atopar unha solución que permita a celebración da 52ª Subida a Chantada ao longo de 2026.