O BNG organiza unha concentración para que volva o tren nocturno despois de conseguir case 300 firmas
O BNG da zona sur de Lugo, a través dos seus representantes en Quiroga en Monforte, organizaron un acto na rúa Cardenal de Monforte, onde puxeron diferentes postos para firmar en favor de solicitar a recuperación do tren nocturno.
Entre os participantes atopáronse o portavoz do BNG en Quiroga, Xosé Manuel Fernández; o portavoz nacionalista en Monforte, Emilio Sánchez; o candidato nº 5 na lista do BNG por Lugo ás eleccións autonómicas, Iago Suárez; o concelleiro Manuel Luaces e a responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto.
Todos estes e as case 300 persoas que firmaron en favor do tren que vai da Coruña e Vigo e pasaba por Monforte para chegar a Barcelona mostraron a súa vontade por solicitar a Renfe que repoña este servizo que se suprimiu na pandemia e que non se reinstaurou.
Ademais desta iniciativa, este sábado, día 27, ás 12.00 horas, concentraranse de novo fronte á estación de Monforte para seguir pedindo este servizo e o BNG de Monforte presentará no seguinte pleno unha moción para recuperar as liñas de tren suprimidas.