O BNG logra acordos para o mantemento da N-540 e as demandas agrogandeiras

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O BNG levou este martes ao pleno provincial o estado da N-540 e as reivindicacións do sector agrogandeiro galego, logrando acordos unánimes da corporación provincial para implicar ás administracións competentes na resolución de dúas problemáticas que afectan a veciñanza e á actividade produtiva na provincia.
bng pleno deputacion
28 Feb 2024

O BNG levou este martes ao pleno provincial o estado da N-540 e as reivindicacións do sector agrogandeiro galego, logrando acordos unánimes da corporación provincial para implicar ás administracións competentes na resolución de dúas problemáticas que afectan a veciñanza e á actividade produtiva na provincia.

No relativo á N-540, o BNG reclama ao goberno do Estado que intensifique os labores de mantemento da vía mentres non se executa a reforma integral. A moción, que tivo o respaldo unánime do pleno, urxe ao executivo estatal a dar unha solución provisional as zonas máis deterioradas da vía, entre elas, a entrada a Guntín, dirección Ourense, ou o treito no límite entre os concellos de Chantada e Carballedo.

O deputado nacionalista e vicepresidente da Deputación Efrén Castro, que lembrou a desatención desta infraestrutura polos sucesivos gobernos estatais, valorou a licitación da reforma integral por parte do actual goberno do Estado pero incidiu “en que os prazos de execución previstos, de 36 meses, son inasumibles, especialmente nos tramos máis deteriorados, polo que son necesarias actuacións de mantemento urxentes, máis aló da sinalización das zonas de perigo”.

Sector agrogandeiro

En relación co sector agrogandeiro, a proposta do BNG, en liña coas demandas dos sindicatos agrarios, reclama á Xunta de Galiza e ao goberno do Estado que poñan en marcha as medidas necesarias para atender as demandas do sector agrogandeiro galego en relación cos prezos en orixe dos produtos e a redución da carga burocrática das granxas familiares, que conforman a maioría do sector en Galiza.

Na exposición da moción, o portavoz provincial e deputado de Medio Rural Daniel García explicou que a situación do sector agrogandeiro é froito de “anos de desatención das diferentes administracións á realidade da actividade agrogandeira” e criticou que nin o goberno do Estado nin a Xunta contemplen as singularidades de Galiza na aplicación da normativa europea.

Puxo como exemplo a aplicación dos sucesivos decretos de nutrición sostible dos solos, que regula a aplicación de puríns e outros fertilizantes, cargando a responsabilidade da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro nas granxas de vacún cando emiten o 10% do total das emisións, mentres as explotacións intensivas rondan o 44% e os abonos de síntense o 20%.

Daniel García lembrou as propostas defendidas pola BNG no Congreso para mellorar a Lei de Cadea Alimentaria como a creación dun mecanismo público de cálculo dos custes de produción que sirva de referencia nas negociacións e sinatura dos contratos”, unha proposta que, lembrou o deputado provincial, o PP votou en contra e o PSOE non incluíu no proxecto, e reclamou á Xunta de Galiza que “deixe de botar balóns fóra” xa que, lembrou, ten competencias exclusivas en materia de gandaría e agricultura e capacidade de actuación na aplicación da normativa e na distribución dos fondos europeos.

Nese sentido, o portavoz nacionalista lembrou que a Xunta de Galiza “excluíu as granxas de menos de 10 vacas na axuda compensatoria do Covid19 ao sector do vacún de carne, unha decisión que, lembrou, tivo incluso unha sentenza xudicial en contra” e “deixou sen gastar case 56 millóns de euros do último período da PAC”.

A proposta defendida polo BNG no pleno provincial, e finalmente aprobada por unanimidade, reclama facultar á Axencia Estatal de Información e Control Alimentario para facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria e acabar con prácticas e marxe abusivas, e defender ante a Comisión Europea a paralización da aplicación da normativa de aplicación da nova PAC ata que se adapte a cada situación concreta dos diferentes territorios ou o principio de reciprocidade na utilización de produtos fitosanitarios.

En relación coa Xunta de Galiza, demanda a reactivación do Observatorio Galego de prezo agrarios, a creacion dun comité de seguimento da PEPAC para a simplificación dos procedementos administrativos e a unificación de criterios entre as distintas consellerías, a compensación das axudas á produción ecolóxica de 2022, políticas activas de promoción de canles curtas de comercialización e mercados locais ou unha estratexia de asesoramento ao agro e investigación agraria pública, para responder aos retos que implica o cambio climático.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13472700119019