O BNG levou ao pleno da Deputación de Lugo as protestas da sanidade, reclamando máis persoal e recursos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A iniciativa saíu adiante cos votos de BNG e PSdeG, mentres que tamén se aprobou por unanimidade esixir ao Estado o reforzo do servizo de Correos na provincia
fachada-Deputación-de-Lugo-portada
1 Apr 2026

O BNG levou ao pleno da Deputación de Lugo as reivindicacións do persoal da sanidade pública galega, que nas últimas semanas se está a mobilizar para reclamar máis profesionais e máis recursos tanto na atención primaria como hospitalaria.

A portavoz do grupo provincial, Iria Castro, asegurou que “o conflito laboral é a radiografía dunha sanidade ao límite a nivel estrutural” e puxo o foco na situación do servizo de Urxencias do HULA, onde, segundo lembrou, “a presión asistencial incrementouse de forma exponencial ao pasar de 81.000 a 110.000 doentes anuais entre 2022 e 2024”.

A deputada nacionalista incidiu tamén nas demandas do colectivo de enfermaría e do persoal celador, que denuncian a falta de medios e espazos adecuados para desenvolver o seu traballo. “O que estamos vendo hoxe na atención primaria é o resultado de anos de falta de investimentos, de planificación e de respecto polo persoal sanitario por parte do goberno do Partido Popular na Xunta. Cando se debilita a atención primaria, o que está en xogo é o sistema”, advertiu.

Estas valoracións producíronse durante o debate dunha moción en defensa das reivindicacións do persoal sanitario, que foi aprobada cos votos favorables de BNG e PSdeG, a pesar da oposición do Partido Popular. O texto aprobado reclama á Xunta o reforzo dos cadros de persoal na provincia de Lugo para cubrir prazas vacantes, reducir a sobrecarga asistencial e mellorar as condicións laborais do persoal médico e de enfermaría, ademais de atender as necesidades do colectivo de celadores en canto a materiais e efectivos.

Na mesma sesión plenaria, a corporación provincial aprobou por unanimidade outra iniciativa do BNG para esixir ao Goberno do Estado o reforzo do servizo de Correos e garantir a súa cobertura en todo o territorio lucense.

A moción denuncia os “recortes drásticos” aplicados ao servizo postal, que afectan tanto ás condicións laborais do persoal como á súa prestación, especialmente nas zonas rurais. Iria Castro sinalou casos como a redución de horarios nas oficinas de Samos, Bóveda e Escairón, así como a falta de persoal en Valadouro, Foz ou Sarria, enmarcando estas medidas nunha política que, segundo advertiu, camiña “cara unha privatización encuberta do servizo”.

A deputada valorou a unanimidade acadada para reclamar o reforzo de Correos e defendeu a necesidade de manter un servizo público que priorice a rendibilidade social fronte ao interese económico.

0.12825107574463