O BNG levará ao pleno unha proposta para garantir a continuidade do Bar Anchoas mediante un kiosko municipal

RibeiraSacraXa
O plan inclúe un deseño adaptado á contorna protexida, unha concesión pública mediante concurso e a posta en valor do Malecón como espazo de convivencia e atractivo turístico
bar-anchoas-monforte
Bar Anchoas, Monforte de Lemos
11 Jun 2025

O Grupo Municipal do BNG presentará no próximo pleno unha moción para asegurar a continuidade do Bar Anchoas, un establecemento emblemático situado no paseo do Malecón, cunha traxectoria de máis de 60 anos, mediante a creación dun kiosko municipal concesionado.

O Bar Anchoas, segundo o BNG, representa moito máis que un local de hostalería. É un símbolo da vida monfortina, vinculado a décadas de encontros sociais, festas populares e momentos de lecer á beira do río. A súa posible desaparición sería, segundo a formación nacionalista, unha perda irreparable para o patrimonio social e emocional da cidade.

A proposta do BNG contempla que o Concello, en colaboración coa Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico, abra unha vía de diálogo coa Confederación Hidrográfica para permitir a instalación dun kiosko que manteña a esencia do establecemento orixinal. O plan inclúe un deseño adaptado á contorna protexida, unha concesión pública mediante concurso e a posta en valor do Malecón como espazo de convivencia e atractivo turístico.

O voceiro do BNG, Emilio J. Sánchez, afirmou que "non podemos permitir que se perda un símbolo da identidade monfortina sen esgotar as opcións legais. Hai precedentes de kioskos concesionados noutras cidades; é cuestión de vontade política".

Pola súa parte, María José Vega Buján, exconcelleira do BNG, lembrou que “xa presentamos un proxecto á Confederación Hidrográfica, pero quedou sen resposta, daquela era Liñares presidente da Confederación. Agora podería ser o momento de retomalo con determinación”.

A formación fai un chamamento ao resto de forzas políticas para que apoien esta iniciativa, que, segundo sinalan, busca compatibilizar o respecto polo río coa defensa do patrimonio inmaterial da cidade.

⚙ Configurar cookies
0.15811896324158