O BNG levará ao Parlamento a situación do centro de saúde de Chantada
O deputado do BNG, Iago Suárez levará ao Parlamento a situación do centro de saúde de Chantada e preguntaralle ao Goberno do PP pola cobertura sanitaria e planificación das vacacións do persoal cara ao verán. Tamén lle preguntará pola situación vivida o pasado mes de novembro de 2023, cando chegou a haber un só médico para atender todas as urxencias e citas de atención primaria. “Non podemos deixar que volva acontecer, e é no verán cando este tipo de situacións se poden dar”, advertiu.
Suárez tamén preguntará no Parlamento pola estimación de médicos que a Xunta do PP considera que fan falta no Centro de Saúde de Chantada, que dá servizo ás máis de 8.000 persoas que están censadas neste municipio e que conta cun Punto de Atención Continuada (PAC). Para o deputado chantadino é “fundamental que estea sempre ben cuberto desde o punto de vista asistencial, contando cun número de profesionais suficiente”.
A Plataforma “Chantada quere sanidade” mobilizou o pasado mes de xaneiro a súa veciñanza para solicitar asistencia sanitaria continuada e para que non se repita o vivido no mes de novembro de 2023. “É inadmisible, as profesionais do centro describían a situación como “horrorosa” e “insostible”, alegando que chegaron a vivir “días horribles”, relatou.
O deputado nacionalista considera “vital que o Sergas faga unha planificación seria do período estival para que neste verán non se volvan vivir días tan terribles”. Ante a constatación do número importante de profesionais sanitarios que “prefiren marchar de Galiza por mor da inestabilidade laboral, é necesario que a veciñanza de Chantada saiba cal vai ser a planificación das vacacións por parte do Goberno galego”, recalcou.