O BNG levará a pleno unha moción contra o recorte dos servizos de transporte público
O BNG presentará no vindeiro Pleno unha moción para demandar ao goberno do Estado o mantemento dos servizos nas liñas de transporte público de concesión estatal que pasan pola provincia.
Segundo a información publicada en medios de comunicación e declaracións públicas de representantes municipais, no marco de elaboración da Lei de Mobilidade Sostible, o Ministerio de Mobilidade e Transportes planifica unha actualización do mapa de liñas regulares que implicaría a supresión de 9 das 15 paradas que estes servizos de longa distancia teñen actualmente .
O voceiro nacionalista Efrén Castro explicou que “presentamos esta moción nun momento no que a Lei está en fase de tramitación co obxectivo de fixar desde a Deputación de Lugo unha posición firme en defensa do transporte público, neste caso fas liñas estatais, como un servizo público básico, que debe atender ás diferentes necesidades e realidades sociais e territoriais”.
“A información da que dispoñemos apunta á supresión de 9 paradas, a grande maioría nas comarcas da montaña e do sur, afondando na carencia de servizos de transporte público e mesmo de vías de comunicación axeitadas nesta zona”, apuntou Efrén Castro.
A moción que se someterá a debate no vindeiro Pleno provincial, o 26 de abril, demanda ao Goberno do Estado que reconsidere a proposta de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, evitando a perda ou redución dos xa escasos servizos da actualidade e buscando pola contra o seu reforzo.
Tamén reclama que a futura Lei de Mobilidade Sostible explicite claramente a aposta polo transporte público de viaxeiros, adecuando ás necesidades da poboación as características do servizo e as súas interconexións. posto que esta é a alternativa máis acaída se queremos apostar por un transporte máis sustentábel desde o punto de vista económico e ecolóxico.
PP
Pola súa banda, os senadores do Partido Popular de Lugo -José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano- reclaman ao Goberno que o Ministerio de Transportes reconsidere a actualización das conexións por autobús, dado que “prexudica” aos usuarios de dez concellos e, principalmente, ás poboacións máis rurais. Trátase de Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Chantada, Quiroga, Monterroso e Palas de Rei.
Deste xeito, os populares expoñen que esta modificación do actual trazado conleva que os viaxeiros das poboacións con menor demanda, é dicir, os da zona rural onde viven unha menor cantidade de persoas, se vexan obrigados a realizar transbordos dende outras liñas de competencia autonómica ou incluso dende os seus vehículos privados, se é que dispoñen deles.
Con esta medida, o Executivo de Sánchez prioriza a rendibilidade económica ás necidades dos veciños que residen nos núcleos máis afastados, que son, indican, “unha vez máis os grandes prexudicados e discriminados”.
Por este motivo, os representantes de Lugo na Cámara Alta farán as seguintes preguntas:
- Está priorizando o Goberno de España a rendibilidade económica fronte ao servizo público que ofrecen as liñas de autobuses que pretende eliminar na provincia?
- Cree o Executivo central que atender a criterios como a poboación dos municipios á hora de recortar as paradas é unha medida discriminatoria cara aos cidadáns do rural lucense?
- É consciente o Goberno e que esta decisión contribúe a fomentar a desigualdade no rural e a fomentar a despoboación na provincia?
- Dáse conta o Goberno de que os grupos que máis utilizan este medio de transporte son, entre outros, os estudantes, que ser verán enormemente prexudicados por esta redución das paradas de autobús?