O BNG interésase polo estado das estradas provinciais en Carballedo

RibeiraSacraXa
Efrén Castro reuniuse con representantes das asociacións veciñais, que lle trasladaron o seu malestar polo deterioro dalgúns tramos
efrén castro bng carballedo
25 Xan 2021

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Efrén Castro, reuniuse en Carballedo con representantes das asociacións veciñais para interesarse polo estado das estradas provinciais no municipio, que provocaron as queixas destes colectivos.

As denuncias, respaldadas por seis colectivos, refírense a treitos das estradas LU-P 1001 entre A Barrela e Os Peares por Castro,  LU-P 1002 entre Castro e Cartelos, LU-P 1004 que une A Barrela e Os Peares e LU-P 1010 entre A Touza e  Granxa pola presa dos Peares.

Os representantes veciñais transmitíronlle o seu malestar polo deterioro dalgúns treitos destas estradas, especialmente nas zonas próximas á ribeira,  onde, segundo expuxeron,  a falta de mantemento das marxes se está a converter nun risco para a seguridade dos usuarios. Tamén fixeron fincapé no mal estado do firme, polo deterioro da pavimentación e a auga que reborda  as cunetas.

Efrén Castro trasladoulles o compromiso do BNG para consultar as previsións en canto ás actuacións de mantemento nos treitos máis deteriorados e tratar de axilizar unha solución que mellore as condicións das vías no prazo máis breve posible.

0.17293787002563