O BNG esixe á Xunta que mellore o regadío do Val de Lemos conxuntamente coa CHMS

RibeiraSacraXa
O BNG denuncia que, a pesar de ter rexistrado e defendido no Parlamento de Galicia iniciativas aludindo ao regadío do Val de Lemos, "desgrazadamente, non serviron para mellorar a situación do regadío, nin as capacidades produtivas deste Val".
val lemos
13 Aug 2023

O BNG denuncia que, a pesar de ter rexistrado e defendido no Parlamento de Galicia iniciativas aludindo ao regadío do Val de Lemos, "desgrazadamente, non serviron para mellorar a situación do regadío, nin as capacidades produtivas deste Val".

Así o defende Carme Aira, deputada do BNG no Parlamento galego, que sostén que "varios miles de hectáreas de terras produtivas atópanse nun estado xeneralizado de abandono, forestadas e cun despilfarro de auga no entorno dos canais principais e secundarios que as están deteriorando por exceso, de feito están asolagadas de xeito continuado, mentres outras non producen por defecto de regadío".

Argumenta que están véndose afectadas zonas potencialmente produtivas ou as máis produtivas dos concellos da Pobra do Brollón, Bóveda ou Monforte, xa que "a infraestrutura do regadío está absolutamente deteriorada, cuestión coñecida pola Confederación Hidrográfica", sostén. "As perdas de milleiros de litros de auga forman auténticos regatos nos que a auga se perde, xa que non regan terreos produtivos".

Por outra parte, alude á maleza, que "ocupa unha parte importante en torno a estas canalizacións de auga, o que denota unha flagrante falta de mantemento e os peches das saídas da canles están deteriorados, estando a súa apertura ou peche ao alcance de calquera persoa que queira verter esta auga fóra do seu curso".

Ademais, din que tampouco contan con sinalización: "Algúns dos canais principais que discorren paralelos ás pistas nin contan con sinalización ou advertencia de perigo nin con valados que protexan que algún vehículo se precipite ao seu interior, estando a maioría delas nun moi mal estado. Pódese comprobar como a transcurso do río despois da presa de Vilasouto está completamente cheo de toros de árbores que atrancan o río e incluso a presa de regadío do azud de Barxa.

A Xunta e a Confederación Hidrográfica: acción conxunta

Segundo Aira, "todo isto indica que a confederación hidrográfica só ten cun mantemento axeitado para a área recreativa, que é o que máis se ve do encoro de Vilasouto, pero dende logo non xustifica a súa construción no fin dos anos 60 do século pasado".

Así, defende que "é imprescindible que se tomen responsabilidades políticas inmediatas para botar man deste regadío para optimizar a produtividade das hectáreas regables" e que a Confederación debe, conxuntamente co goberno da Xunta, "actualizar o censo de regantes, renegociar as condicións e cotas de pago, e condonar a débeda acumulada simplemente porque ningunha das administracións foi dilixente dando garantía xurídica a esta comunidade de regantes".

Por último, din que O goberno da Xunta non pode permanecer "impasible mentres se está cometendo un profundo atentado medioambiental coa auga do río Mao, mentres non posibilita a produción alimentar de 5.000 hectáreas que agora mesmo na súa maioría son improdutivas"

Desta maneira, desde o BNG piden negociar coa Confederación Hidrográfica unha saída para a comunidade de regantes do regadío do Val de Lemos que condone a súa débeda, que insten á CHMS á reparación das infraestruturas de regadío de xeito inmediato, que supervisen o estado das zonas de dominio do regadío para esixir da CHMS a limpeza do entorno das canles de regadío e do propio curso do río se procede e poñer a producir as hectáreas programadas inicialmente no Val de Lemos con axudas para a deforestación, limpeza e posta a punta dos territorios destinados á produción agraria.

0.16153597831726