O BNG empraza á Xunta a dar explicacións sobre posibles intervencións sobre o Pazo de Vilar de Taboada

RibeiraSacraXa
A intervención do grupo nacionalista prodúcese nun momento en que dito pazo acaba de ser incluído no catálogo da “lista vermella” elaborado por Hispania Nostra
José-Portela,-BNG-Taboada
12 Xuño 2024

O Bloque Nacionalista Galego, a través dos deputados Iago Suárez e Mercedes Queixas, vén de preguntar á Xunta de Galicia sobre o estado ruinoso do Pazo de Vilar de Taboada.

Este Pazo, sito na parroquia de Esperante, constitúe un dos máis "sobranceiros exemplos da arquitectura pacega de toda a comarca de Chantada, vencellado a liñaxes como os Taboada ou os Lemos e, até o século XIX, á xurisdicción de Vilar. No entanto, desde hai décadas adoece un estado de abandono total xa manifesto na caída de todo o seu interior, de case toda a cuberta, con danos estruturais e unha invasión pola maleza case total", explican.

Hai uns anos, o Concello de Taboada tentou sen éxito contactar coa propiedade para abordar unha posible solución e agora, esta intervención do grupo nacionalista prodúcese nun momento en que dito pazo acaba de ser incluído no catálogo da “lista vermella” elaborado por Hispania Nostra, sendo o terceiro caso do sur da provincia, logo de anos de "desleixo total" por parte do goberno galego, o que repercute en problemas de seguridade e nas posibilidades urbanísticas da contorna máis próxima.

Así, os nacionalistas, a través das súas preguntas, emprazaron á Xunta a dar explicacións sobre posibles intervencións sobre o pazo para evitar a súa ruína total e valorizar así un dos monumentos de maior valor patrimonial de Taboada.

O BNG tentará debater sobre as intencións da Xunta, a forma de contactar coa propiedade, a mellor forma de intervir e a coherencia desta situación coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, demandando un cambio de actitude con respecto á mantida ata agora.

"Desde o BNG de Taboada congratulámonos de que o Grupo Parlamentar nacionalista teña en conta unha vella reivindicación do noso concello compartida por unha ampla maioría da nosa veciñanza e agardamos que chegue a bo porto", conclúen.

0.20832896232605