O BNG do Saviñao denuncia o abandono da Capela de Guadalupe

O BNG do Saviñao denuncia o abandono da Capela de Guadalupe por parte da Xunta e do Concello, e insta ás dúas institucións a acometer “canto antes” os traballos de rehabilitación deste espazo que, lembran, constitúe “un elemento singular de altísimo valor que é unha xoia e un motivo de orgullo para toda a Ribeira Sacra”.
A capela, situada na parroquia de San Vitorio de Ribas de Miño, no concello do Saviñao, é unha construción do século XVIII que foi incluída no expediente de catalogación da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC). Ademais do seu valor arquitectónico, a capela está situada nunha localización privilexiada, ofrecendo unha vista panorámica sobre o río Miño, e conserva no seu interior doazóns da veciñanza, como bancos ou o altar.
Porén, denuncian os nacionalistas, o inmoble atópase moi deteriorado. Nalgunhas paredes hai danos visibles e na contorna do tellado medra vexetación. “Actualmente poden verse danos importantes nalgunhas paredes da capela así como vexetación que medra en certos puntos próximos ao tellado”, explican os nacionalistas, que destacan que o máis preocupante é o estado do tellado que, din, “tal e como denuncian os veciños e veciñas, hai un número importante de goteiras os días de chuvia”.
Para o BNG, o estado do inmoble é “unha auténtica falta de respecto”, especialmente porque, tal e como lembran, “os últimos arranxos que tivo a edificación correran a cargo da veciñanza, a cal se nega a deixar no abandono un compoñente tan importante do seu orgullo colectivo”. Por iso, a deputada do BNG no Parlamento, Mercedes Queixás, e o deputado por Lugo, Iago Suárez, reclaman ás administracións competentes que
“actúen, que fagan o seu traballo e que defendan o riquísimo patrimonio arquitectónico con que conta o país galego”.
Para Suárez, “de pouco vale defender unha candidatura a Patrimonio da Humanidade se se deixan no abandono os elementos que fan da Ribeira Sacra un territorio verdadeiramente singular en Galiza e no mundo”, polo que esixe á Xunta e ao Concello que acometan “canto antes” os traballos de rehabilitación da Capela de Guadalupe.