O BNG denuncia que Chantada queda fóra da Bandeira Verde por falta de documentación

RibeiraSacraXa
Acusa ao Goberno local de “desidia” por non ter entregado a tempo a documentación requirida
iago-suarez-bng-chantada
Iago Suárez
15 Oct 2025

O BNG de Chantada denuncia que o municipio quedou excluído da obtención da Bandeira Verde de Galicia por non ter presentado a documentación requirida pola Xunta. O responsable local do partido, Iago Suárez, cualifica de “desidia” a actuación do Goberno municipal do Partido Popular, ao non responder en tempo e forma aos requirimentos da administración autonómica.

Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 14 de outubro, a resolución indica literalmente: “Denegar a Bandeira Verde de Galicia ao municipio de Chantada”, detallando que, tras revisar a documentación achegada, “persistían problemas que xustificaban unha nova solicitude, a cal se presentou o 29 de xullo de 2025 ao Concello de Chantada para que a rectificase nun prazo de 10 días hábiles, coa advertencia de que, de non facelo, se consideraría abandonada”. Ao non recibir resposta, a Xunta denegou finalmente a distinción.

Iago Suárez considera que este feito é un “exemplo de neglixencia por parte do goberno do PP en Chantada, que deixa escapar sen motivo unha distinción mediante a cal o noso concello podería acceder a subvencións”, e lembra que desde a propia Xunta se sinala que “a concesión deste recoñecemento é un mérito que se ten en conta e se valora para a obtención das subvencións convocadas pola Xunta en materia de patrimonio natural e tamén no ámbito da xestión de residuos”.

Para o portavoz nacionalista, “calquera pode equivocarse; o que non se pode permitir é que a nugalla se apodere da xestión gobernamental cotiá de Chantada. Que nós, os veciños, quedemos sen posibles subvencións porque o Concello non fai as obras é, cando menos, alarmante. Non é que as obras se estean facendo mal, é que non se están facendo en absoluto”.

O BNG de Chantada reclama explicacións ao Goberno local do PP e ínstao a cumprir coa súa función de xestionar os intereses do municipio. Desde a formación subliñan que calquera axuda económica que poida chegar a Chantada é beneficiosa para a localidade e lamentan que a falta de dilixencia municipal supoña perder oportunidades de financiamento e desenvolvemento.

⚙ Configurar cookies
0.068717956542969