O BNG denuncia no Parlamento Galego o “deterioro” da calidade asistencial no Hospital Comarcal de Monforte

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas esixen ao Goberno galego garantir a cobertura completa de prazas en servizos como Pediatría, Coidados Paliativos, Psiquiatría, Medicina Interna, Dermatoloxía, Neuroloxía ou no paridoiro
iago-suarez-bng-chantada
Iago Suárez
9 Oct 2025

O BNG denunciou esta mañá no Parlamento Galego o “deterioro” da calidade asistencial no Hospital Comarcal de Monforte. O deputado do BNG Iago Suárez, defendeu unha iniciativa para reclamar ao Goberno do PP “que deixe a un lado as escusas e reforce o cadro de persoal deste centro sanitario” que, advertiu, “é bo exemplo da situación don Sergas: un gran lume incontrolado que xa non hai por onde collelo”.

Durante o debate, Suárez lembrou que o PP votou en contra dunha iniciativa que reclamaba medidas atender as demandas de profesionais e doentes. Entre as medidas propostas polo BNG estaba garantir a cobertura completa de prazas nos servicios con maiores déficits, como Pediatría, Coidados Paliativos, Psiquiatría, Medicina Interna, Dermatoloxía, Neuroloxía ou no paridoiro, así como baixar as listas de espera no hospital comarcal, que atende a once concellos da comarca Sul de Lugo, e garantir a calidade asistencial.

O deputado nacionalista reiterou “a precaria situación na que se atopan cada unha das especialidades recollidas na iniciativa”, advertindo que na área de Coidados Paliativos non hai médico designado e que o servizo é asumido ou ben polo servizo d Hospitalización a Domicilio ou ben polo de Atención Primaria. Pola súa banda, denunciou, en Medicina Interna, “un internista atende consultas de Dixestivo, Neuroloxía, Cardioloxía e outras especialidades, e precísase de maneira urxente un xeriatra, tal e como demandan os profesionais do Hospital”.

Suárez insiste en que “nunha comarca especialmente envellecida” como é a do sur de Lugo, só hai un neurólogo que vai a Monforte dúas veces á semana, e só hai un psiquiatra que di, “non da feito pola enorme carga de traballo que hai”, o que está a xerar unha lista de espera “tremendamente grande”.

Porén, o caso “máis dramático” para os nacionalista é o de Pediatría, onde só están cubertas dúas das catro prazas. Lembra ademais que “unha das profesionais que exerce ten 70 anos e está traballando porque quere — despois de concatenar varias prórrogas antes da xubilación— para intentar rebaixar as listas de agarda e que non se acabe desmedrando todo o servizo”. Respecto ao paridoiro, recalcou que adoece tamén de persoal e de material, “negándose o Sergas a investir neste servizo malia que hai máis partos por mor da poboación inmigrante”.

Suárez acusa ao PP de facer “un exercicio de contorsionismo dialéctico dificilmente superable” para argumentar o seu voto en contra, e acusa ao Goberno galego de negar a “realidade da atención sanitaria que reciben a diario os doentes do hospital comarcal”.

⚙ Configurar cookies
0.072336912155151