O BNG denuncia a “situación insostible” na residencia Domus VI de Monforte e esixe garantir unhas “condicións dignas”

RibeiraSacraXa
“As traballadoras describen unha situación insoportable, cos nosos maiores comendo alí patacas cocidas con natillas”, advertiu o deputado nacionalista, Iago Suárez
residencia-monforte-domus-VI-rua-morin
Residencia Domus VI
7 Nov 2025

O deputado do BNG Iago Suárez denunciou no Parlamento de Galicia a “situación insostible” que, segundo afirmou, se está a vivir na residencia de maiores Domus VI de Monforte. O nacionalista pediu á Xunta que actúe con “compaixón” e garanta “condicións dignas” tanto para as persoas usuarias como para o persoal do centro.

“As traballadoras describen unha situación insoportable, cos nosos maiores comendo alí patacas cocidas con natillas”, advertiu Suárez durante a súa intervención, na que relatou os testemuños de empregadas que aseguran traballar en condicións límite, con quendas de tan só tres persoas pola noite para atender a 180 residentes.

O parlamentario da comarca comparou o caso co da vivenda comunitaria de Amoeiro, recentemente clausurada pola Xunta tras descubrirse unhas condicións “indignas” que obrigaron a desaloxar aos usuarios. “Estamos falando da vida das nosas persoas maiores. A Xunta ten que actuar”, reclamou.

Suárez deu lectura ás palabras de persoas que acudiron á residencia de Monforte “por volta das tres da mañá para atender unha urxencia” e que describiron “un cheiro a ouriños e a feces insoportable”. Segundo o seu relato, atoparon un residente con brotes de sarna que se mostrou agresivo co persoal. “As profesionais só podían chorar ante a falta de capacidade; só eran tres para atender a 180 persoas e aínda por riba coa que se montou. A saber cantas veces máis ten pasado isto”, recolleu o deputado.

O representante do BNG responsabilizou ao Goberno galego da situación das residencias privadas que reciben fondos públicos. “A Xunta é responsable porque é quen regula os rateos de persoal a través dunha orde de 1996”, lembrou. Indicou que na Domus VI de Monforte traballan 18 profesionais de mañá, 14 de tarde e só tres coidadoras máis unha enfermeira durante a noite. “Claramente non chegan”, apuntou.

Iago Suárez reclamou saber “cando foi a última inspección” na residencia e instou á Consellería de Política Social a “non seguir de brazos cruzados e actuar xa”. “Cun goberno normal, o que alí pasou suporía polo menos a dimisión da conselleira. A un goberno tenlle que caer a cara de vergoña ao ver algo así”, concluíu, engadindo que “se do BNG dependese, xuntariamos Roma con Santiago para solucionar o que alí pasa, que hai quen cualifica de inhumano”.

Pola súa parte, o BNG de Monforte anunciou este xoves que presentará unha moción no Concello para instar á Xunta a abrir unha investigación inmediata sobre o funcionamento desta residencia. A Xunta ten que garantir condicións humanas e persoal suficiente, non mirar para outro lado mentres se deteriora a atención ás persoas maiores”, sinala o responsable local, Manuel Luaces, que advirte que “a información que está saíndo á luz é moi preocupante e revela un modelo de atención totalmente desbordado”.

“Non estamos falando dun caso illado: é a consecuencia dun sistema privatizado, con escasa supervisión pública, que deixa sen respaldo nin ás persoas usuarias nin ao propio persoal. A Xunta non pode eludir a súa responsabilidade”, sinala Luaces, que lembra que que Domus VI xestiona un servizo esencial financiado con fondos públicos, polo que considera que o Goberno galego debe revisar de inmediato os ratios de persoal, as condicións de atención e a capacidade real do centro.

A moción que se presentará no Pleno municipal solicita tamén que o Concello remita un informe á Consellería de Política Social e que se garanta unha atención digna, segura e adaptada ás necesidades das persoas residentes.

“As familias e o persoal levan tempo denunciando o deterioro do servizo. Non se pode tolerar que as residencias se convertan en almacéns de persoas maiores. É unha cuestión de humanidade e de responsabilidade pública”, concluíu Luaces.

⚙ Configurar cookies
0.071286916732788