O BNG denuncia a perda da terceira consulta médica no Centro de Saúde de Pantón

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas lembran que o centro contaba con catro profesionais e critican “desleixo da administración autonómica” tras confirmarse que o centro funcionará con só dúas prazas
Concello-biblioteca-centro-saude-Panton
13 Mar 2026

O grupo municipal do BNG en Pantón denunciou este venres a situación da sanidade no sur da provinia de Lugo trala confirmación, por parte da Xunta de Galicia, da perda da terceira consulta médica no centro de saúde do municipio, unha situación que consideran “unha falta de respecto á veciñanza”.

Segundo a voceira nacionalista, Rosana Prieto Florines, a resposta da Consellería de Sanidade, indicando que “o centro de saúde de Pantón mantén a súa organización habitual e dispón de dous profesionais médicos”, implica a amortización da praza do terceiro facultativo. Prieto subliña que esta perda era algo que o grupo nacionalista viña denunciando desde hai tempo e que repercute directamente na calidade asistencial.

O centro de saúde, lembran os nacioanlistas, contaba inicialmente con catro consultas, das que xa se perderon dúas: a primeira por xubilación do seu titular e a segunda por traslado do facultativo. A día de hoxe, advirten, só dous médicos atenden á veciñanza, o que provoca “tempos de espera moi prolongados ou citas a varios días vista”, e fai que a situación se complique cando un dos facultativos debe ausentarse por urxencias ou enfermidade.

O deputado do BNG polo sur de Lugo, Iago Seara, presentou recentemente unha pregunta no Parlamento de Galicia sobre as consultas pechadas en Pantón, solicitando que se cubran as prazas. A resposta da Consellaría, segundo o BNG, confirma “a súa negativa a cubrir a praza vacante”.

A portavoz municipal engade que o proxecto do novo centro de saúde só contempla dúas consultas, polo que a perda da terceira praza “non ten marcha atrás”. Prieto cuestiona, ademais, a postura do alcalde, lembrando que nas pasadas eleccións municipais prometera a terceira consulta tras o traslado da Doutora Mareque. Para o BNG, esta situación evidencia un “desleixo” da administración cara á veciñanza y urxen unha solución inmediata para garantir unha atención sanitaria adecuada.

0.13580203056335