O BNG defenderá no vindeiro pleno de Monforte que o Goberno local inste á Xunta de Galicia a resolver o problema sanitario
O BNG de Monforte defenderá unha moción no vindeiro pleno relativa á situación da atención sanitaria no sur de Lugo e unha proposición non de lei que a deputada nacionalista, Carme Aira, presentou no Parlamento de Galicia para o seu debate e a reunión que mantivo coa Plataforma en defensa da Sanidade Pública en Monforte.
Segundo o BNG de Monforte, "a calidade da atención sanitaria na zona Sur de Lugo está en severo deterioro. Significativas eivas nos servizos, afectan tanto á Atención Primaria, como á Atención Hospitalaria, o que fai insostible a situación, tanto para o persoal como para a poboación".
Así, explican que na atención primaria, a ausencia de cobertura das ausencias do persoal facultativo "dificulta seriamente o traballo do resto do persoal, ben sexa facultativo, de enfermería ou non sanitario, como se demostra coa acumulación das listas de espera, cambios de cita, etc".
Do mesmo xeito, sosteñen que a atención hospitalaria no Hospital Comarcal de Monforte "tamén vive unha precariedade, que vai en claro prexuízo dos usuarios e máis dos profesionais. Numerosas especialidades médicas sofren dende hai unha década pola falta de persoal facultativo estable. As carencias no servizo de psiquiatría son especialmente relevantes, e serven como exemplo á lamentábel situación que sofren en pediatría, dixestivo, etc".
Ademais, din que unha única psiquiatra está a atender aos doentes do SERGAS, das residencias da terceira idade e de drogodependencias, ou mesmo os usuarios dos centros residenciais, que antes eran atendidos en saude mental, e agora, en caso de necesidade, teñen que ir a urxencias a que os atenda un especialista do HULA, por teléfono.
En definitiva, e a xuízo de BNG de Monforte de Lemos, esta situación pasa xa "de inxusta e vergoñenta", e por iso solicitará ao pleno da corporación municipal, que inste á Xunta de Galicia a que adopte todas as medidas necesarias para resolver a situación.