O BNG de Taboada presentará unha moción no pleno para esixir o arranxo da N-540

RibeiraSacraXa
Demandan a mellora urxente da estrada e chaman a participar na manifestación que terá lugar o 3 de maio
fochancas
9 Apr 2025

O grupo municipal do BNG de Taboada vén de presentar unha moción que será debatida na próxima sesión ordinaria do Pleno do Concello de Taboada co obxectivo de instar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a que leve a cabo de forma inminente o arranxo da N-540, unha vía fundamental para a comunicación e o desenvolvemento do municipio.

A N-540 non só é unha arteria vital para a mobilidade dos veciños e veciñas de Taboada, senón tamén unha vía de acceso esencial para o transporte de mercadorías e para o turismo do municipio. O portavoz do BNG e Tenente de Alcalde de Taboada, José Portela, destacou que “o estado actual da estrada é alarmante e representa un perigo constante para todos os usuarios, incluíndo automobilistas, ciclistas e peóns, e non podemos permitir que a falta de acción continúe poñendo en risco as vidas de todos e limite o potencial económico da zona”.

En particular, queren chamar a atención sobre zonas críticas como o paso por Meixonfrío, Vilameñe e Vilela, onde o estado da estrada é alarmante, cun firme deteriorado, fochancas e irregularidades que dificultan a circulación e aumentan o risco de accidentes. A N-540 debe ser un lugar seguro para todos os usuarios da estrada e non se pode permitir que a inacción leve a consecuencias tráxicas.

Ademais, o BNG de Taboada fai un chamamento ao consenso entre todas as forzas políticas para convocar o día 3 de maio unha mobilización aberta a toda a veciñanza: “Convocamos a todos e todas a participar na manifestación que terá lugar o 3 de maio de 2025 ás 12.00 horas, co fin de reclamar de maneira unitaria e contundente que o arranxo da N-540 e dos accesos ao núcleo urbano, por Mordadiz (Moreda) que tamén dependen do Ministerio de Transportes, sexan unha prioridade”, indica José Portela.

Con esta iniciativa fan un chamamento a toda a cidadanía para que se una a esta causa, considerando que a mobilización é clave para que as demandas sexan atendidas e para que a N-540 reciba a atención que merece por parte da administración competente.

Portela declara que é fundamental que a nosa demanda sexa escoitada e que se actúe de inmediato: “Non podemos permitir que a falta de atención por parte das administracións superiores siga afectando a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”.

⚙ Configurar cookies
0.16416215896606