O BNG de Quiroga visita núcleos rurais do concello

RibeiraSacraXa
O sábado 24 de abril, Xosé Manuel Fernández visitou Bendollo acompañado de dous membros máis da candidatura deste partido da oposición.
30 Abr 2021

O BNG de Quiroga comezou unha serie de visitas a núcleos rurais do concello para falar coas veciñas e veciños co obxectivo de coñecer o grado de satisfacción que teñen respecto aos servizos municipais.

O sábado 24 de abril, o voceiro do BNG en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, visitou Bendollo acompañado de dous membros máis da candidatura deste partido da oposición.

Percorreron o núcleo e, gardando sempre as medidas de prevención do Covid, puideron falar con bastantes veciñas e veciños ao tempo que viron o estado actual de conservación dos elementos comúns desta aldea. O encontro foi agradable, distendido e a xente trasladou numerosas queixas en relación á falta de atención municipal.

Entre os temas máis importantes que lles comunicaron está o acondicionamento lumínico do lugar coñecido como A Cavorca, unha praza que está sen iluminar e na que se reúne moita xente, lugar popular e moi concorrido sobre todo en fins de semana, pontes e vacacións. Un veciño alí presente e o pedáneo comentaron que ao non poder cambiar as luces nunhas farolas de difícil acceso, o Concello de Quiroga dixo hai meses que buscaría unha solución pero o tema segue sen arranxar.

Tamén lles trasladaron queixas pola falta de limpeza nas rúas e o estado de abandono da zona lúdica que hai onde a igrexa. “Por aquí non pasa ninguén do concello a limpar, e as rúas de Bendollo tamén son do Concello”, díxonos algunha veciña, comenta Xosé Manuel Fernández. Segundo refire tamén, o voceiro nacionalista, “poidemos comprobar que hai maleza en rúas do núcleo urbano e que o espazo da igrexa, onde van moitos nenos e nenas xogar segundo nos comentan, non ten nin escanos nin xogos para o entretemento infantil... só hai unha canasta en estado lamentable e ata perigosa para os rapaces”.

Tamén amosaron o seu malestar co estado da estrada que vai dende a N-120 ata Bendollo. “Puidemos comprobar como hai fochancas importantes nese acceso e precisarían dunha reparación, esperamos que entre este tramo nos arranxos de vías que cubre o Plan Único”, refire Xosé Manuel Fernández.

Segundo relataron as veciñas e veciños, e tamén así o comprobamos, o Concello de Quiroga reutilizou un cartel de Bendilló para poñelo alí. Borrouse o til final e o “I” concerteuse nun “O”.

Segundo comentan dende a formación nacionalista, todas estas incidencias serán trasladadas ao Concello de Quiroga por escrito e animan tamén aos propios veciños e veciñas a insistir co delegado de Alcaldía de turno e a reclamar directamente no propio concello para que as súas queixas sexan atendidas.

Atención e servizos para o rural

Dende o BNG de Quiroga lembran que o pasado 11 de setembro de 2020 pediron no Pleno Municipal un “Plan de limpeza anual dos núcleos urbanos das aldeas, unha limpeza integral unha ou dúas veces ao ano por parte do persoal do concello”, que foi contestado polo alcalde, Julio Álvarez do seguinte xeito “non hai ningún núcleo de poboación que solicitara a limpeza de rúas... temos 119 pobos, si non dicen nada é que están contentos, aqueles que o piden inténtase atender dentro das nosas posibilidades”.

A intención dos nacionalistas é seguir insistindo e pedindo máis atención para núcleos rurais, todos en xeral e os máis poboados en particular, entendendo que hai máis vida alén das rúas e das zonas verdes do núcleo urbano de Quiroga.

0.18423390388489