O BNG de Quiroga fai un chamamento a loitar contra a violencia machista

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas lanzan unha campaña a través das súas redes sociais para sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre as diferentes formas de violencia machista
25n-bng-quiroga
24 Nov 2025

Co gallo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o BNG de Quiroga fai un chamamento a toda a veciñanza a loitar contra a violencia machista e lograr unha sociedade na que mulleres e homes vivan en igualdade e sen medo.

Os nacionalistas denuncian a situación de escravismo e discriminación “completamente inxusta” que viviron as mulleres ao longo da historia e que, lembran, é “herdanza dun sistema patriarcal perfectamente estruturado que aínda hoxe condiciona as súas vidas”

Galicia, di, “merece un presente e un futuro no que a igualdade sexa real e efectiva, onde as mulleres camiñen xunto aos homes como iguais. Se realmente hai un país no que a muller é unha figura excepcional ese é o noso, elas que foron sempre as transmisoras da nosa cultura —xa dende o paleolítico nos atrevemos a dicir— ata os nosos días”.

Por iso lembran que é responsabilidade de toda a sociedade, e especialmente das institucións, erradicar calquera forma de violencia machista.

No que vai de ano, máis de 6.000 mulleres foron vítimas desta violencia. Detrás de cada cifra, din, “hai un proxecto de vida interrompido, unha familia que queda marcada para sempre”. Esta realidad, sinalan, “evidencia que non abonda con declaracións de intencións: precísanse políticas públicas máis ambiciosas, máis coordinadas e realmente eficaces”.

Por iso, dende o BNG de Quiroga, e co obxectivo de conmemorar o 25N, este ano lanzan unha campaña de difusión contra a violencia machista nas súas redes sociais, onde difundirán unha serie de 7 publicacións co obxectivo de informar, sensibilizar e concienciar á cidadanía sobre as diferentes formas de violencia machista, a importancia da educación en igualdade e os recursos dispoñibles para as vítimas.

“As publicacións están conformadas por 7 paneis con texto e informativo de alto interese social que vai acompañado de cadanseu deseño gráfico que fai as mensaxes moi directas, simplificadas e atractivas visualmente”, explican sobre a campaña.

Dende o BNG consideran fundamental “que a sociedade conte con información rigorosa e accesible, porque só dende o coñecemento colectivo se pode avanzar cara a unha Galiza máis xusta” e lembran que o seu compromiso é “traballar sen descanso para que nin unha soa muller teña que sufrir violencia pola simple razón de selo. A igualdade no concello de Quiroga e no noso país non pode agardar. A vida das cosas compañeiras non pode agardar”.

⚙ Configurar cookies
0.070209980010986