O BNG de Quiroga convoca o concurso ‘Celebrando a Castelao’

O BNG de Quiroga lanza o concurso ‘Celebrando a Castelao’, unha proposta que se enmarca dentro dos actos organizados para conmemorar o Ano Castelao.
A iniciativa convida aos participantes a propoñer unha viñeta ou unha frase de Castelao e explicar por que é a súa favorita. O prazo para participar estará aberto ata o 31 de outubro a través do correo quiroga@bng.gal.
As creacións enviadas serán compartidas nas redes sociais do BNG (Facebook e Instagram) a partir do 3 de novembro. O público poderá votar ata o 13 do mesmo mes coas reaccións de ‘gústame’ pola opción que considere mellor. Feito o reconto de gústames alcanzados ata o 13 de novembro, escolleranse aos 2 participantes con máis puntuación en Facebook, e o mesmo para Instagram, explican os organizadores. Os gañadores recibirán vales para gastar no comercio local de Quiroga: 50 euros para o primeiro clasificado e 30 euros para o segundo, e deberán indicar o establecemento no que se fará efectivo o premio.
Con este concurso, o BNG de Quiroga pretende celebrar o Ano Castelao coa veciñanza e ao mesmo tempo apoiar ao comercio local, lembrando que “o que teñamos no concello non o busquemos fóra”.