O BNG de Quiroga amosa a súa “decepción” despois de que o Pleno rexeitase unha moción para fomentar o uso do galego
O BNG de Quiroga presentou no último pleno do Concello unha moción relativa á situación do galego e á adopción de medidas para a súa efectiva normalización, na que advertían “da situación crítica que está a atravesar a nosa lingua”.
“Os recentes datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constatan a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua”, explican dende a formación nacionalista, que sinalan que “esta situación que podemos cualificar de emerxencia, é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte aplicada nos últimos quince anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia”
“O galego non só descende bruscamente no uso habitual, perdendo a súa condición de lingua máis falada en Galicia, senón que mesmo se descoñece nas franxas de idade máis novas: o 32,4 % das nenas e nenos entre 5 e 14 anos non son quen de expresarse en galego”, continúan defendendo. Por iso, consideran que “esta situación do noso idioma é reversible”, e que o seu futuro pasa polo “compromiso coa normalización do noso idioma é real e asumido por toda a sociedade, comezando polas institucións galegas. O futuro do galego depende da nosa vontade colectiva como galegos e galegas”.
Por iso, o BNG pedía no Pleno que se aprobase unha moción para reafirmar a defensa da lingua galega, revisando dende o Concello as actuacións en materia lingüística e adheríndose á plataforma Queremos Galego. Proposta que, sen embargo, foi rexeitada no Pleno por 4 votos en contra do PP e tres abstencións de Independentes por Quiroga, fronte aos tres votos a favor do BNG e do PSOE.
Dende o BNG de Quiroga consideran que a moción “non contemplaba maior implicación que posicionarse a favor dunha defensa decidida e comprometida do galego dende o Concello e así facerllo saber ao Goberno Galego... pero nin con esas houbo vontade política dunha parte da corporación para sacala adiante”. Por iso, amosan a súa “decepción ante a falta de altura de miras para acordar o que consideramos necesario e de sentido común ante a situación crítica que sufre o galego, máis se cabe tras coñecer os datos publicados recentemente polo IGE e a alerta da propia Real Academia Galega da Lingua sobre o estado actual da nosa lingua”.