O BNG de Pantón reclama melloras na vila de Torrón e que se habilite unha parada de autobús

O BNG de Pantón vén de rexistrar varias mocións nas que reclaman medidas concretas para a veciñanza de Torrón, nos Peares. Segundo a voceira, Rosana Prieto Florines, Torrón “é un dos lugares con maiores posibilidades para atraer poboación”, polo que piden “atención” a este núcleo de poboación.
Os Peares, lembran, “sempre foi un enclave de desenvolvemento e creación de riqueza, xa fora polo desenvolvemento ferroviario e industrial, así como polo aproveitamento hidroeléctrico dos nosos ríos”. Por iso, sinalan, dende o seu partido levan anos “promovendo mocións para a atención deste núcleo e a potenciación dos seus usos turísticos”.
Por unha banda, os nacionalistas piden que se habilite unha parada de autobús que conecte este lugar con poboacións de maior tamaño como Ourense, O Castro de Ferreira e Monforte, así como outros transbordos que se poidan realizar. “O Torrón supón para nós unha oportunidade de vida e de atracción de poboación, mais para iso cómpren servizos, e tamén mobilidade que o propio enclave favorece pola rede viaria e ferroviaria”, sinala Prieto, que lamenta a falta de “vontade política” con este núcleo.
Por outra banda, a voceira fai fincapé nas oportunidades da vila “para fixar poboación e dinamizar socioeconomicamente o municipio”, ademais da súa “situación xeográfica privilexiada” para os “usos turísticos”, xa que —di— “é unha porta de entrada ao Xeodestino Ribeira Sacra con puntos de interese patrimonial, fluvial, xeolóxico, político-administrativo, ferroviario e industrial”. Porén, afirma que o lugar presenta carencias como “falta de alumeado, deficiencias no número de contedores do lixo residencial, non ten contedores para a recollida selectiva do lixo agás o do vidro, só se recolle o lixo unha vez á semana e non se aumentan as frecuencias no verán”. Ademais, critica que “non se promove nin divulga desde o concello o interese por este enclave histórico e con oferta enoturística, de viaxes fluviais e de rutas a miradoiros, entre outros”.
Neste sentido, reclaman que se proceda a revisar o alumeado público existente e aumentar os puntos de luz no Torrón, lembrando que “na parte inferior cara á ponte de ferro do tren están sen luz e hai vivendas habitadas”, así como na estrada principal onde —din— tamén hai zonas sen luz. “Ten que dotarse o núcleo con nove puntos de luz como mínimo”, reclaman os nacionalistas no texto da moción.
Por outra banda, piden acometer a limpeza da praza, a colocación de papeleiras e contedores para a recollida selectiva do lixo —dos que só hai de vidro—, aumentar os contedores de lixo orgánico e a frecuencia de recollida no verán, así como “establecer e cumprir un calendario anual de limpeza e mantemento para o Torrón”.
Por último, a voceira insiste nas oportunidades turísticas que supón para o concello a zona dos Peares, e pide “mellorar a oferta turística de Pantón e reforzar os puntos de información turística en tempada alta”, especialmente neste núcleo. Neste contexto, solicitan que se habilite un punto de información turística municipal nos Peares, sen prexuízo doutras localizacións, que funcione en tempada alta; planificar os recursos turísticos con mapas e sinalización; solicitar subvencións para promover o turismo nesta zona; reforzar o transporte de viaxeiros; a navegación das rutas fluviais da Deputación por este tramo; avaliar coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil a posible concesión dun pantalán; recuperar a navegación no encoro dos Peares e integrar o tramo do río Sil que ocupa o encoro de San Pedro na oferta turística da provincia.