O BNG de Monforte solicita a nulidade dun acordo plenario por unha votación “fóra da legalidade”

O BNG de Monforte de Lemos vén de solicitar formalmente a nulidade dun acordo adoptado no Pleno ordinario celebrado o pasado 29 de decembro de 2025, ao considerar que a votación se realizou fóra da legalidade e vulnerando tanto o Regulamento Orgánico Municipal como o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, así como a Lei de Bases de Réxime Local.
Segundo explican desde o grupo nacionalista, os feitos producíronse durante o debate do punto 7 da orde do día, cando o grupo propoñente da moción solicitou que a votación se realizase por puntos. Porén, foi finalmente o portavoz do Grupo Municipal do PSOE quen decidiu a forma de votación, despois de que o presidente do Pleno lle cedese esa potestade, unha actuación que, ao xuízo do BNG, non está amparada pola normativa vixente.
Desde o BNG lembran que a decisión de votar unha moción por puntos corresponde exclusivamente ao grupo que presenta a iniciativa ou, no seu defecto, á Alcaldía ou Presidencia da Corporación, pero nunca ao portavoz doutro grupo político. Consideran que esta actuación supón unha lesión directa dos dereitos de participación, representación e audiencia dos membros da Corporación municipal.
Durante a propia sesión plenaria, o concelleiro do BNG Manuel Luaces Fernández advertiu expresamente da irregularidade que se estaba a cometer ao abeiro do artigo 94.2 do ROF, sen que a súa advertencia fose atendida pola Presidencia. Para o BNG, esta circunstancia invalida a votación e calquera acordo que derive dela, ao non respectarse as garantías legais mínimas nin a autonomía política do grupo propoñente.
“O que aconteceu no último pleno é moi grave desde o punto de vista democrático. Nun Pleno municipal non pode decidir como se vota unha moción quen nin a presenta nin preside a sesión. Iso non é unha cuestión de interpretación política, é unha cuestión de legalidade”, sinalou Manuel Luaces. O edil nacionalista engadiu que “advertimos no propio Pleno de que se estaba cometendo unha irregularidade clara e, aínda así, continuouse adiante como se nada”, para concluír que “non se pode gobernar Monforte como se o Pleno fose un patio particular nin retorcendo as normas segundo conveña en cada momento”.