O BNG de Monforte reclama que a Xunta asuma a xestión dos conservatorios municipais de música
O grupo municipal do BNG de Monforte presentará no próximo pleno municipal unha moción para instar á Xunta de Galicia a asumir as súas competencias en relación aos conservatorios municipais de música.
Esta acción forma parte dunha campaña máis ampla do BNG que inclúe a recollida de sinaturas a nivel galego e iniciativas parlamentarias destinadas a mellorar a situación destes centros educativos.
A moción subliña que os conservatorios municipais, aínda que imparten ensinanzas musicais regradas e ofrecen titulacións oficiais, son financiados exclusivamente polos concellos, o que resulta insostible. E moito do alumnado procede doutros municipios, agravando o impacto económico nas arcas municipais.
Ademais, os conservatorios enfróntanse a graves problemas de xestión debido á falta de apoio da Xunta, á carencia de recursos básicos como ferramentas informáticas ou acceso ás listaxes de profesorado, e ás dificultades para cubrir as baixas do persoal docente.
Tamén se denuncia a discriminación económica que sofren os estudantes destes centros, ao afrontar taxas máis elevadas que nos conservatorios autonómicos.
O BNG propón que a Xunta asuma plenamente a xestión e o financiamento dos conservatorios municipais, encargándose do seu mantemento, dotacións e persoal docente.
Mentres isto non se leve a cabo, os nacionalistas demandan a creación de axudas económicas para os concellos, a cobertura das prazas vacantes mediante as listaxes autonómicas, e o fornecemento dos recursos necesarios.
Así mesmo, o BNG aposta pola creación dunha rede de conservatorios comarcais que garanta unha oferta equilibrada no territorio galego, baseándose nas necesidades locais e na proximidade xeográfica. Insisten tamén na importancia de escoitar ás direccións dos centros, ás comunidades educativas e aos concellos no deseño destas políticas.
Con esta iniciativa, o BNG de Monforte busca rematar co abandono da Xunta de Galicia, que afecta tanto aos concellos como ao alumnado, e garantir unha educación musical de calidade, accesible para todos os galegos e galegas.