O BNG de Monforte reclama á Xunta que asuma a xestión do Conservatorio Municipal

RibeiraSacraXa
Lembran que o pleno aprobou a súa moción relativa aos conservatorios co apoio do PSdeG e esixen á Xunta que cumpra coas súas obrigas
conservatorio-Monforte
Conservatorio de Monforte
31 Jan 2025

O pasado mércores, representantes do BNG de Monforte asistiron a unha xuntanza no Parlamento de Galicia con Ana Pontón, e a deputada Cristina Fernández, para facer entrega de parte das preto de 10.000 sinaturas recollidas por toda Galicia, en apoio á petición de que os conservatorios municipais sexan xestionados e financiados pola Xunta de Galicia.

Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego lembra que as ensinanzas regradas son unha competencia exclusiva da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, polo que consideran que a Administración Autonómica debe asumir a súa responsabilidade neste ámbito.

Ademais da campaña de recollida de sinaturas, os concelleiros do BNG de Monforte tamén levaron esta demanda ao pleno municipal de Monforte de Lemos, onde foi aprobada cos votos a favor do BNG e doPSOE, a abstención de Esperta Monforte e o voto en contra do PP.

Actualmente, o Concello de Monforte está destinando ao mantemento do conservatorio municipal uns 500.000 euros anuais, unha cantidade que, segundo a formación nacionalista, debería ser asumida pola Xunta de Galicia. "Son fondos que poderían dedicarse a outras necesidades municipais se a Xunta cumprira coas súas obrigas", di Emilio J. Sánchez, voceiro municipal do BNG.

Esta iniciativa enmárcase nunha campaña máis ampla para reivindicar o financiamento autonómico dosconservatorios municipais en Galicia, garantindo así a súa continuidade e calidade educativa sen sobrecargar os orzamentos locais.

0.17467188835144