O BNG de Monforte presenta dúas mocións para mellorar a accesibilidade e a información turística no municipio

Os concelleiros do BNG de Monforte, Emilio Sánchez e Manuel Luaces, presentarán dúas mocións no pleno municipal que se celebrará o próximo luns, 26 de maio, centradas na mellora da accesibilidade urbana e da xestión turística da cidade.
A primeira das propostas solicita a conversión en rúa de plataforma única do tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro de saúde. Segundo denuncian os edís nacionalistas, a configuración actual con beirarrúas elevadas e estreitas dificulta gravemente o paso de persoas con mobilidade reducida, en cadeira de rodas ou con carriños de bebé, obrigándoas en moitos casos a circular pola calzada, o que supón un risco pola presenza de tráfico rodado. A rúa de plataforma única eliminaría esta barreira arquitectónica ao unificar calzada e beirarrúa nun mesmo nivel, favorecendo a seguridade viaria e creando un espazo máis accesible e amable para a cidadanía.
A segunda moción propón a creación dun punto de información turística nas inmediacións do aparcadoiro da Compañía, principal punto de chegada de visitantes á cidade. O BNG considera que esta medida facilitaría a orientación dos turistas cara ao Conxunto Histórico, a Oficina Municipal de Turismo e outros puntos de interese, mellorando a experiencia dos visitantes e reforzando a oferta turística local.
Os nacionalistas lembran que Monforte é un Concello de Interese Turístico, o que permite acceder a axudas da Xunta para infraestruturas e creación de emprego no sector. Ademais, sinalan que o ciclo formativo de Guía, Información e Asistencia Turística que se imparte na cidade podería nutrir de profesionais este novo servizo, favorecendo así a inserción laboral do alumnado e contribuíndo á fixación de poboación.
As propostas do BNG parten, segundo indican, das demandas transmitidas pola veciñanza e buscan “mellorar a calidade de vida, a accesibilidade e a proxección turística de Monforte”.