O BNG de Monforte pide zonas de sombra e arborado no parque da gardería municipal da zona C

RibeiraSacraXa
Sinalan que a falta de espazos con sombra supón un problema de saúde e seguridade para a infancia
Zona-C-Monforte
18 Jun 2025

O BNG de Monforte alerta da “necesidade urxente” de dotar de arborado e zonas de sombra o parque da gardería municipal situado na zona C, na contorna da Rúa Rof Codina.

Os nacionalistas sinalan que a chegada da vaga de calor destes días “volve poñer en evidencia as carencias dun espazo público pensado para crianzas, pero onde a falta total de sombra o fai impracticable durante boa parte do día”.

Lembran, ademais, que esta mesma proposta xa foi presentada polo BNG hai máis dun ano a través dunha moción, que foi rexeitada coa promesa de que se actuaría “en breve”. A realidade, porén, “é que non se fixo absolutamente nada desde entón”.

“O parque segue sen unha soa árbore nin zona de sombra, e isto non só é un problema de confort, senón tamén de saúde e seguridade para a infancia. Prometeron que actuarían, pero máis dun ano despois seguimos igual”, denuncia Manuel Luaces, concelleiro do BNG en Monforte.

Desde o BNG consideran imprescindible que os espazos públicos destinados á infancia sexan seguros e saudables tamén ante episodios de altas temperaturas, cada vez máis frecuentes debido á crise climática. Ademais de mellorar a calidade ambiental e a estética urbana, din os nacionalistas, a dotación de arborado fomentaría o uso comunitario do espazo e o benestar das familias.

“A cidadanía ten dereito a espazos públicos de calidade, e máis aínda cando falamos de zonas de xogo e de convivencia para a veciñanza máis pequena”, engade o voceiro, Manuel Luaces.

⚙ Configurar cookies
0.16902303695679