O BNG de Monforte pide medidas para evitar o peche do Bar Anchoas

O BNG de Monforte pide ao Concello que tome medidas para evitar o peche do Bar Anchoas, un espazo que cualifican de “emblemático” e que “leva máis de 60 anos formando parte do verán monfortino, da memoria colectiva e do goce de xeracións e xeracións de veciñas, veciños e visitantes”.
"Non estamos falando só dun negocio, senón dun símbolo de Monforte, dun lugar de encontro, cultura e lecer que forma parte do corazón da cidade. O Anchoas é patrimonio emocional da veciñanza e non podemos permitir que desapareza por inacción administrativa ou falta de vontade política", declarou Manuel Luaces, responsable local do BNG.
A petición dos nacionalistas, din, “non é nada ilegal”. “O que se pide é que se actúe, que se inicie o procedemento necesario para adaptar a normativa e garantir que o Anchoas poida seguir aberto, como mínimo, durante os meses de verán, como vén facendo desde 1963”.
Defenden que este é “un deses casos nos que as xestións políticas poden marcar a diferenza entre conservar un espazo querido ou deixalo desaparecer para sempre”, e piden ao alcalde que tome medidas para presevar este lugar.
Para eles, hai marxe legal e vías administrativas para lexilar a favor da continuidade do local. Por iso, consideran qu “non hai escusa técnica nin legal que xustifique o desleixo neste caso. O que falta, ou se bota en falta, é vontade”.
Os nacionalistas non só defenden que o Bar Anchoas siga aberto, senón que piden que se adecente a zona e que se invista en mellorar os servizos e en potenciar o paseo do Malecón como un espazo de lecer e cultura para todas as idades. “Unha cidade que se di turística non pode permitirse perder espazos singulares coma este”, insisten.
"Mentres outras cidades apostan por recuperar espazos únicos á beira dos ríos para o desfrute da veciñanza, aquí corremos o risco de facer desaparecer o único chiringuito da cidade. Sería un erro histórico que Monforte non se pode permitir", engadiu Manuel Luaces.
Rematan os nacionalistas insistindo en que “aínda estamos a tempo de actuar, dialogar coas administracións competentes e buscar unha solución que permita manter aberto o Anchoas, legalmente, durante os meses de verán”.