O BNG de Monforte pide crear unha comisión sobre o contrato da auga

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Monforte de Lemos levará ao vindeiro pleno ordinario unha moción para solicitar a creación dunha comisión municipal para o estudo e valoración da fin do contrato da concesión do servizo de abastecemento de auga, que remata en xuño de 2026 tras 25 anos de vixencia.
Os nacionalistas consideran que é necesario avaliar o grao de cumprimento do contrato por parte da empresa concesionaria, identificar os puntos pendentes e estudar tanto a elaboración dun novo concurso como a posibilidade da remunicipalización do servizo.
Así mesmo, o BNG tamén defenderá unha moción para reixeitar a modificación da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia promovida pola Xunta, xa que entenden que “supón unha nova cesión de competencias impropias aos concellos sen os medios humanos nin económicos necesarios”. Segundo os nacionalista, trátase dunha reforma “baleira de contido” que “incrementa a carga para as administracións locais e pon en risco a protección efectiva do patrimonio cultural galego”.
Por outra banda, no apartado de rogos e preguntas, o BNG preguntará ao goberno municipal sobre as deficiencias detectadas na piscina municipal tras a súa recente inauguración, logo dunha visita ás instalación por parte do concelleiro nacionalista, Emilio J. Sánchez. Nela, explican, puideron comprobar “diferentes problemas e carencias” que, a xuízo do Bloque, “deben ser corrixidas con urxencia para garantir un servizo seguro, accesible e de calidade para a veciñanza”.
Por último, os nacionalistas trasladarán ao pleno a súa preocupación polo avistamento de ratas de gran tamaño na zona da Pinguela e no final de Carude, tras os avisos realizados pola veciñanza. Neste sentido, piden coñecer se existe un plan de desratización activo, así como as actuacións previstas nesta área concreta e as medidas para evitar riscos sanitarios.