O BNG de Monforte pide crear un Consello Municipal de Educación

RibeiraSacraXa
Os nacionalistas tamén presentaron unha moción para solicitar a creación inmediata dunha praza específica de médico para o servizo de Hospitalización a Domicilio
pleno-Monforte
21 Apr 2025

O BNG de Monforte vén de presentar dúas mocións no Pleno municipal, unha delas relativa á creación dun Consello Municipal de Educación e outra para reclamar á Xunta de Galiza a creación inmediata dunha praza específica de médico para o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), tal e como obriga o Decreto 34/2021.

Os nacionalistas lembran que, actualmente, Monforte é o único hospital galego sen este recurso, sendo cuberto polo persoal de Medicina Interna, o que supón sobrecarga e menor calidade asistencial. Para o BNG isto é “un novo exemplo da discriminación sanitaria ao sur de Lugo e reclaman unha atención pública digna e de calidade para a comarca”.

A moción tamén inclúe o apoio ao persoal sanitario e insta á Consellaría de Sanidade e ao Sergas a cumprir coa normativa vixente.

Ademais, dende o grupo nacionalista no Concello de Monforte tamén piden crear un Consello Municipal de Educación que favoreza a participación da comunidade educativa e mellore a coordinación entre centros, ANPAs, alumnado, profesorado e o propio Concello.

“O obxectivo é crear un espazo estable de diálogo e colaboración no que todos os axentes educativos poidan aportar propostas e detectar necesidades reais”, sinalou o concelleiro do BNG, Manuel Luaces.

A moción propón iniciar os trámites para constituír este órgano consultivo, elaborar un regulamento participativo e dotar os medios necesarios para garantir o seu funcionamento efectivo. "A educación debe ser unha prioridade local e contar coa implicación de toda a comunidade”, sentencia.

⚙ Configurar cookies
0.16329407691956