O BNG de Monforte pide a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros para abordar as obras da estación de tren

O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar oficialmente a petición para que se convoque, con carácter de urxencia, unha Xunta de Voceiros na que participen representantes de ADIF e a Subdelegada do Goberno en Lugo, co obxectivo de abordar a preocupante situación das obras na contorna da Estación de Ferrocarril de Monforte de Lemos.
O portavoz do grupo, Emilio J. Sánchez Iglesias, lembra que a Estación de Monforte “é unha infraestrutura clave para a mobilidade da cidade e da súa área de influencia, ademais de ser un foco de dinamización socioeconómica consolidado”. “Aplaudimos que se acometan melloras nas infraestruturas, pero as obras están a desenvolverse cunha lentitude excesiva que está a xerar múltiples prexuízos ao tecido comercial e veciñal da zona”, afirma.
Desde o BNG sinalan que esta situación resulta aínda máis preocupante “ao estarmos ás portas da tempada turística alta, momento no que a cidade recibe un maior volume de visitantes”. “A actual desorganización das obras”, din, “afecta negativamente á mobilidade, á imaxe da cidade e á actividade comercial e hostaleira da contorna”.
Ademais, o grupo nacionalista alerta sobre decisións concretas no deseño e execución da obra que consideran inadecuadas, e poñen de exemplo a substitución de materiais tradicionais como a tella por chapa, a retirada de farolas históricas, a redución drástica de prazas de aparcamento nunha zona de recollida e descarga de pasaxeiros, ou a plantación de especies arbóreas con raíces agresivas para os pavimentos.
“Non se pode entender unha obra pública que ignore os valores de conservación do patrimonio, a funcionalidade e o respecto polo entorno urbano. Urxe poñer orde e escoitar a veciñanza", subliña Emilio Sánchez.
Por todo isto, o BNG solicita que o Concello convoque con urxencia unha Xunta de Voceiros na que estean presentes representantes de ADIF e a Subdelegación do Goberno, a fin de “obter explicacións claras, avaliar alternativas e garantir que as obras rematen con garantías e sen continuar a causar prexuízos evitables á cidade.