O BNG de Chantada súmase ás críticas polo convenio dos eólicos

RibeiraSacraXa
Denuncian a “opacidade” do acordo e esixen a “máxima transparencia” nun proxecto que consideran “especulativo”
iago-suarez-bng-chantada
Iago Suárez
5 Sep 2025

O BNG de Chantada manifestou a súa oposición ao acordo subscrito entre o Concello e as empresas promotoras dos macroparques eólicos Agratina e Agromaces e denuncian que a transparencia no proceso “brillou pola súa ausencia”.

Segundo explicou o responsable local do BNG e deputado no Parlamento galego, Iago Suárez, o alcalde do Concello de Chantada e as empresas Tipuana Wind SL e Seyal Wind SL asinaron “un acordo opaco e en segredo para tentar implantar un novo proxecto eólico no municipio chantadés”, e recordou que “este tipo de acordos teñen que ser públicos e non poden ser asinados de costas á xente que habita un concello que xa ten unha chea de aeroxeradores eólicos”.

Xosé Manuel Golpe, técnico superior en centrais e redes eléctricas, consultor enerxético e tamén deputado do BNG, sinalou que “este proxecto consta de cinco parques eólicos que forman un conxunto dentro do territorio, afectando até dezanove concellos, entre eles o de Chantada”, e subliñou que “son moitos os interrogantes que presenta este complexo eólico”. Explicou que “as cinco empresas son propiedade dun grupo industrial, todas están domiciliadas na mesma dirección e todas son de nova creación, e contan cun capital social ridículo para afrontar un proxecto deste tipo, 3.000 euros”.

O BNG considera que as empresas promotoras “deben de achegar algún tipo de contraprestación ao territorio” e lembra que até agora “non se tiveron practicamente noticias de que tipo de negociacións están facendo as empresas promotoras cos concellos”.

Por iso, esixen “máxima transparencia” nun proxecto que consideran “especulativo” e que “redunda nun modelo de espolio territorial, onde as persoas e as súas vidas quedan ao marxe”. Suárez anunciou que o BNG presentará iniciativas tanto no Parlamento galego como no Congreso dos Deputados para esixir “información e transparencia” e insistiu en que “as vidas da veciñanza non poden estar nun segundo plano, é a nosa obriga tentar mellorarlles a vida, non hipotecárllela”.

O grupo Por Chantada – Interior Galego Vivo tamén criticou duramente o acordo, acusando ao alcalde de “verter mentiras e medias verdades” e lembrando que “as empresas non pediron aínda a declaración de utilidade pública” e que tampouco existe “declaración de impacto ambiental nin autorización administrativa previa”. Ademais, criticaron que os supostos beneficios económicos son insuficientes e desproporcionados, mentres que a veciñanza soporta a maior parte dos custos ambientais e sociais. Subliñaron que o convenio, de 30 anos de duración e con confidencialidade de 35, se asinou “sen informe xurídico que avale a súa legalidade, sen pasar polo Pleno nin ser público até que nós o fixemos”, e reclamaron a dimisión do alcalde.

Pola súa banda, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, defendeu o acordo, explicando que “é un convenio, para no caso de facerse o parque eólico ter os beneficios que ofrece a empresa”. Engadiu que os convenios son iniciativa das propias empresas promotoras e que os parques se desenvolverán ou non independentemente deste acordo. Tamén destacou que contempla melloras sociais, programas de eficiencia enerxética en edificios públicos e mecanismos de seguimento conxunto para garantir a transparencia, e insistiu en que “non se fixo nada ás agachadas, seguiuse un procedemento normal, con todo absolutamente legal” e que, de materializarse o proxecto, Chantada podería “percibir melloras”.

⚙ Configurar cookies
0.17048406600952