O BNG da Pobra de Brollón explica que defenderá a vontade do popular "recollida nas urnas" para formar goberno

RibeiraSacraXa
O BNG da Pobra de Brollón explica que defenderá a vontade do popular "recollida nas urnas" para formar goberno
BNG A pobra do brollon
17 Xuño 2023

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, explicou que defenderá a vontade popular recollida nas urnas o pasado 28 de maio en canto a un erro dado "por unha discrepancia entre as actas de escrutinio das mesas electorais e os resultados enviados a través da PDA á Xunta Electoral de Zona de Monforte de Lemos" explicou.

Así, argumentou que as actas son asinadas por todos os compoñentes das mesas e revisados os seus resultados polos interventores dos tres partidos participantes nas últimas eleccións. "As actas son claras", sentenciou, "no número de votos e trasladando a suma das mesas", polo que o resultado son 6 edís para o BNG (691 votos), 2 para o PP (281 votos) e 1 para o PSOE (139 votos).

Porén, debido a unha cadea de erros administrativos, no Pleno de Constitución do Concello a celebrar este sábado 17, a configuración vai ser 5 concelleiros do BNG, 2 do PP e 2 do PSOE.

“A situación é totalmente anómala e todas as forzas entendemos que a vontade popular é a que figura nas actas; eses son os datos de votos reais,” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

Erro administrativo

Desde a agrupación nacionalista explican que "existe un erro administrativo polo que se intercambian os resultados de BNG e PSOE nunha das mesas electorais e a partir deste erro o PSOE sube a 2 concelleiros e o BNG baixa a 5.

O caso non afecta á maioría absoluta do BNG da Pobra do Brollón, "mais non por iso deixa de ter enorme importancia xa que hai dous grandes prexudicados", segundo sinalan dende o BNG local, hai dous grandes prexudicados.

Por unha banda, o electorado, "que de xeito inxusto non pode ver formado o goberno que votou". “Isto non se reflicte na actual configuración da corporación,” comenta Javier Monterde, responsable local do BNG da Pobra do Brollón. “Tivemos uns resultados fabulosos cunha subida en votos e estivemos moito máis cerca de subir a sete concelleiros que de baixar a cinco,” puntualiza.

A outra prexudicada é Noelia Besteiro, número 6 da lista que resultando votada e elixida, que non vai contar, de entrada, con acta de concelleira. “É unha situación moi desagradable na que se está a vulnerar o dereito das veciñas e veciños que me votaron a ter a representación que elixiron democraticamente,” declara Besteiro.

Solución

"Esta situación reflicte unha eiva nos mecanismos de control sobre os posibles erros que se poden dar nos procesos democráticos de escrutinio, transmisión de datos, etc. O erro sempre pode estar aí; hai que garantir que existan os filtros axeitados para que eses erros poidan ser corrixidos,” apunta Maceda.

Dende o BNG brollonés confían nos procesos democráticos e van esgotar as vías posibles para corrixir esta situación anómala sexa a través de procedementos administrativos ou a través da xudicatura. Xa está presentado un contencioso electoral no Tribunal Superior de Xustiza. “E chegaremos ao Tribunal Constitucional ou a Europa se é preciso,” engade o rexidor.

0.19975209236145