O BNG convoca unha concentración para reclamar “o cese do desmantelamento” do Hospital Comarcal de Monforte

O BNG do sur de Lugo convoca unha concentración este martes 28 de outubro, ás 12:00 horas, para reclamar “o cese do desmantelamento” do Hospital Comarcal de Monforte, baixo o lema “SOS Hospital de Monforte”.
Os nacionalistas esixen “que se dote de persoal e medios humanos suficientes o centro hospitalario” e denuncian que a Xunta de Galicia “aproveita períodos afastados das eleccións para acelerar o proceso de deterioro e privatización da sanidade pública no Sur de Lugo”.
Dende o BNG advirten que no caso concreto do hospital monfortino preocupa especialmente a falta de especialistas en Pediatría, Oftalmoloxía e Neuroloxía que, segundo apuntan, “é xa insostible, pois non se cobre nin con desdobres desde Lugo nin coa incorporación de novos profesionais”.
Para os nacionalistas, “todo isto forma parte da folla de ruta do PP para derivar pacientes á sanidade privada e afondar no desmantelamento do servizo público de saúde”. Consideran, ademáis, que é “inadmisible e intolerable” que dende o Goberno galego estean “baleirando de especialistas o hospital comarcal”. A responsable da organización nacionalista nas comarcas do Sur de Lugo, Rosana Prieto, advirte de que “levan anos neste proceso, pero en períodos afastados das eleccións a aceleración é evidente, e iso é o que está a pasar agora”.
Á mobilización asistirán o deputado chantadés Iago Suárez, que dará lectura a un breve manifestó, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda; e o portavoz do BNG en Monforte, Emilio J. Sánchez Iglesias, xunto con outros cargos orgánicos e representantes institucionais do Bloque nas comarcas do Sur de Lugo.
Ademais, durante o acto, gardarase un minuto de silencio en apoio ás mulleres andaluzas vítimas dos erros nos cribados do Servizo Andaluz de Saúde, tamén, lembran, inmerso nun proceso de privatización e adelgazamento do público en favor do negocio privado. “Así concibe o PP os servizos sanitarios: como un nicho de negocio, non como un dereito”, conclúen os nacionalistas.