O BNG convoca este xoves unha concentración polo "illamento tecnolóxico do Courel"
Baixo o lema Non ao illamento tecnolóxico do Courel. Por un rural conectado, o Bloque Nacionalista Galego do Courel convoca a toda a veciñanza da comarca a concentrarse diante do Concello de Folgoso do Courel este xoves día 26 de maio, un acto ao que asistirá a deputada do BNG no Parlamento Galego, Carme Aira Díaz.
Desde o Bloque Nacionalista Galego en Folgoso do Courel consideran que non se pode seguir sendo indiferente ante este o tecnolóxico levantado tanto polas administracións públicas como polo sector privado, que separa ao rural galego en xeral do resto do mundo.
Os nacionalistas sinalan no seu comunicado que “con estás condicións é imposible que se asente nova poboación no rural e moito menos empresas que fagan atractivos estes territorios”.
“A falta de inversións en tecnoloxía no rural galego, tanto por parte das administracións públicas como polo sector privado, é unha realidade que se vai constatando ano tras ano sen que se poida ver un mínimo sinal de que esta situación, esta absoluta falta de interese, vaia rematar”, sinala o BNG.
“Moi ao contrario, hai apenas uns meses, unha compañía de telecomunicacións anunciaba que deixaría de prestar servizo pola rede de cobre ao concello de Folgoso do Courel, o que implicaría que, na práctica, o municipio quedaría sen apenas servizo de telefonía nin internet xa que a rede de fibra óptica é anecdótica. Por se fora pouco, hai escasas semanas, unha avaría deixou sen comunicación telefónica nin internet este mesmo municipio”, finaliza o comunicado do grupo nacionalista.