O BNG considera "surrealista" a xestión que a Xunta está facendo na estrada LU-651
O BNG na comarca de Lugo Sur considera "surrealista a xestión que a Xunta está facendo coas obras de mellora da estrada LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel".
A responsable comarcal do Bloque Nacionalista Galego no Sur de Lugo, Rosana Prieto Florines, ten claro que para a Xunta, a provincia de Lugo, e o Concello de Folgoso do Courel, "está moi lonxe das prioridades da administración autonómica. Nin médicos, nin accesos. Este é o panorama actual no Concello de Folgoso do Courel, para todo o que queda de verán, e boa parte do outono".
Lembran que a Xunta vén de comunicar que “debido ás actuacións necesarias para a execución da mellora da estrada na LU-651, entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, é preciso pechar totalmente ao tráfico a estrada LU-651 entre a intersección co cruzamento coa estrada que vai ao CPI Uxío Novoneyra e a Moreda e o núcleo de Seoane. A estrada quedará totalmente pechada ao tráfico de calquera tipo de vehículos e peóns polas actuacións na ponte situada no punto quilométrico 32,7".
Desde o BNG "consideramos esta situación é unha auténtica falta de respecto para coa veciñanza do Courel. A pesar das evidencias da mala organización das obras, a renuncia de varias empresas, e a pouca previsión a respecto dos condicionantes do terreo no que se están a desenvolver os traballos, o organismo autonómico se desentendeu as súas responsabilidades, e permitiu que, pouco a pouco, o caos reinara na execución das obras de mellora da estrada, até chegar á situación na que hoxe nos atopamos", argumenta.
Así, denuncian que, tras máis de dous anos de traballos, "nin un só quilómetro rematado, desvíos que implican moitas decenas de quilómetros extras, retrasos e esperas, en ocasións, de máis dunha hora, para a veciñanza e as persoas que traballan nesta comarca, numerosas reservas anuladas nos restaurantes que tentan dar servizo aos viaxeiros que se achegan...e en plena temporada alta. Parece que, entre os incendios, a pésima conexión dixital, a falta de facultativos na sanidade, as estradas que se veñen abaixo por mor de obras privadas, derrubes naturais e, agora, a nefasta xestión dunha obra que comezou sendo necesaria e remata (se remata algún día), sendo unha auténtica dor de cabeza, ao Courel botáronlle un meigallo, Pero non é meigallo, é a evidencia da neglixencia da Xunta, a proba de que este territorio está moi lonxe das prioridades da administración autonómica, con Xeoparque ou sen el", concluíu.