O BNG acusa á Xunta de “abandonar” Pantón tras o grave incendio do pasado verán

RibeiraSacraXa
Denuncian que a Consellería non executou os traballos de contención e restauración hidrolóxico-forestal aprobados por unanimidade no Parlamento
iago-suarez-veciños-panton-incendio
11 Mar 2026

O deputado do BNG, Iago Suárez, denunciou esta mañá no Parlamento Galego o "abandono" por parte da Xunta do concello de Pantón, gravemente afectado por un incendio o pasado mes de setembro que calcinou milleiros de hectáreas e puxo en perigo vivendas habitadas.

Suárez, acompañado por veciños da localidade, que seguiron desde a tribuna unha sesión marcada polas críticas á xestión da Consellería de Medio Ambiente, fixo fincapé na gravidade deste lume. “No pasado mes de setembro Pantón ardeu, moito. Ardeu o monte e con el ardeu unha enorme riqueza”, sinalou durante a súa intervención, insistindo nos danos sufridos no monte de Lornís. “Estas persoas vían como o lume arrasaba a súa terra, doíalles o corazón e sentíronse soas”, sinalaba facendo alusión á veciñanza.

Suárez foi moi duro coa resposta institucional e especialmente, co papel da Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, a quen afeou a falta de medidas tras os lumes. A Xunta, asegurou o deputado nacionalista “nin estivo, nin está”, lembrando que existe un acordo parlamentario, votado a favor polo PP, que instaba a poñer en marcha “medidas inmediatas” para evitar a erosión, a contaminación dos ecosistemas fluviais e a restauración hidrolóxico-forestal das zonas queimadas.

Porén, Suárez acusou ao Goberno galego de non ter posto en marcha traballos de contención e restauración, e puxo como exemplo o estado actual do monte de Lornís como “proba” da “ausencia” da Consellería. “Así está Lornís por culpa da súa consellaría, que non cumpriu cos acordos aos que aquí chegamos”, sinalou achegando unha fotografía do estado actual do lugar. Unha situación que para el amosa que o Goberno do PP está a usar a Ribeira Sacra como un “parque temático”, referíndose á candidatura para lograr o seu recoñecemento como Patrimonio Mundial da UNESCO. “Moito patrimonio da humanidade, moito anuncio e moita foto bonita, pero cando a Ribeira Sacra arde e cando necesitamos que o noso goberno goberne, vostedes abeiran, pasan de todo”, denunciou.

0.117262840271