‘O Belén do Elías’, na Pobra de Trives, abre as súas portas este luns
Coa apertura e presentación do xa tradicional e recoñecido “Belén do Elías” dará inicio a programación de Nadal na Pobra de Trives. Este luns, 23 de decembro, inaugurarase este tesouro da época de Nadal coa que conta Trives, o Belén elaborado por Elías Álvarez González e que xa é unha tradición trivesa (e reclamo para visitantes) que se repite ano tras ano. Unha particular representación con figuras animadas e réplicas de lugares e monumentos de Trives.
Ese mesmo día, o luns, ás 19.00 horas tamén terá lugar a Gala Faroliños Solidarios, ocasión na que a noitiña trivesa tinguirá o seu ceo de luces por unha boa causa. Por cada quilo de alimentos non perecedoiros doados darase un faroliño solidario. Estes voarán para iluminar o ceo á vez que se axuda ás persoas máis necesitadas.
Xa o martes 24, Noiteboa, ás 19.00 horas, Papá Noel visitará Trives por se algún neno ou nena esqueceu antes enviar a carta e así asegurar que todos reciban o seu agasallo de Nadal.
O venres 27, nenos e nenas de Trives farán unha excursión a Pazolandia. O sábado 28 a música chegará á vila con “El show de Susana”, ás 18.00 horas.
As Prebadaladas, unha das citas máis agardadas
O domingo 29 celebrarán en Trives unha das citas que xa marcan o tradicional calendario do seu Nadal ano tras ano, as “Prebadaladas”, coas que celebrarán o inicio do vindeiro ano por adiantado con uvas, badaladas e actuación musical ás 20.00 horas na Praza do Reloxo.
A seguinte actividade chegará xa no 2025, o 4 de xaneiro ás 20.00 horas co Concerto de Nadal do Orfeón de Trives na Igrexa Parroquial. O 5 de xaneiro as SS.MM. Os Reis Magos de Oriente estarán na localidade.
A programación péchase o 7 de xaneiro coa segunda edición de “As Colexiadas”, unha xornada de deportes de raqueta no Pavillón de Deporte
Trives amplía os horarios dos locais de ocio durante o Nadal
Coincidindo co Nadal e as súas tradicionais celebracións, ademais de aumentar os habitantes locais o seu ocio, Trives tamén recibe a numerosos visitantes neste como noutros periodos vacacionais. Por iso, o Concello de Trives vén de decretar a ampliación do horario dos locais de ocio en dúas horas a maiores do horario habitual.
Esta medida entrará en vigor o 22 de decembro e prolongarase ata o 6 de decembro (ambos inclusive). A norma, ademais de ampliar os horarios dos locais, tamén se aplica para os espectáculos públicos e actividades recreativas que se celebran nestas datas.