O barrio monfortino de Carude celebra esta fin de semana as súas festas

RibeiraSacraXa
Os Festicultores Troupe e a orquestra Saudade serán os encargados de amenizar as noites do venres e do sábado
festas-carude
2 Apr 2025

As festas de San Lázaro, no barrio monfortino de Carude, regresan esta fin de semana cunha extensa programación que comezará o venres, 4 de abril, cunha Pancetada popular e a actuación dos Festicultores Troupe.

O sábado, as celebracións comezarán cunha sesión vermú con degustación de ovos de San Lázaro e a actuación do dúo D’Caché, que repetirá pola noite. Os nenos e nenas serán os protagonistas da sesión de tarde, con xogos infantís. A verbena arrancará ás 23:00 horas coa actuación da orquestra Saudade, que poñerá o broche de ouro á xornada do sábado.

O domingo, 6 de abril, Batukada Tukupara abrirá a xornada cun pasarrúas polo barrio. Ás 12:30 será a misa solemne e a venda de roscas benditas. Posteriormente, comezará a sesión vermú, amenizada polo dúo Cacharada, que tamén pechará as festas cunha actuación ás 20:00 horas. Pola tarde, ás 17:00 horas, terá lugar o Festival Creativa, con actuacións de baile urbano, música e exposición de pinturas. Durante a festa haberá a tradicional degustación de ovos de San Lázaro.

Cortes de tráfico

Dende o Concello informan de que, con motivo das celebracións, dende este mesmo mércores día 2 de abril e ata o día 6, produciranse cortes de tráfico nas rúas do barrio. Así, a rúa Sober e a entrada a A Pinguela estarán pechadas dende hoxe ás 15:00 horas e ata o 6 de abril ás 20:00 horas.

Pola súa banda, a praza de Carude estará tamén pechada entre esta tarde e o 6 de abril. Ademais, durante os eventos na praza cortarase o Paseo de Lugo á altura de Duquesa de Alba para desviar o tráfico por esta última, así como na entrada da rúa de Carude. Permitirase a entrada a residentes en Aceña Nova en sentido contrario ao habitual e non se permitirá o paso de vehículos á praza durante as celebracións, polo que esta rúa será provisionalmente de dobre sentido de circulación.

Ademais, con motivo da colocación de atraccións na entrada de A Pinguela e na zona de estacionamento que hai ao final da rúa Carude, o servizo de entrada e saída de A Pinguela farase pola zona de estacionamento que hai ao pasar as pistas de tenis, pola nova zona acondicionada ao lado do edificio da Confederación Hidrográfica.

0.32304096221924