O autor Mario Obrero presentará o seu novo libro na Pobra do Brollón

O vindeiro luns 26 de maio ás 20.00 horas terá lugar na Casa da Cultura 'Olga Novo' a presentación do libro ‘Con e de curcuspín. Cartas a las lenguas’ (Anagrama, 2025). O seu autor, Mario Obrero, estará acompañado pola poeta Olga Novo e o investigador Xurxo Ayán.
Con e de curcuspín trátase dun ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa poesía habitual do autor; un canto de amor ás linguas minorizadas que conforman unha realidade plurilingüe e diversa: ao galego, ao aragonés, ao català, ao aranés, ao asturianu, ao estremeñu, ao euskara, etc.
Mario Obrero é poeta nado en Getafe en 2003. Comezou a escribir aos sete anos e xa ten seis libros publicados e numerosos premios. En 2023, recibiu o Premio Nacional de Xuventude na categoría de Cultura por Cerezas sobre la muerte.
A presentación precede unha semana de eventos arredor das letras, coa presentación o venres 30 da novela de aventuras O Inframundo, escrita por Guillelme Denís Castillo e ambientada na Cova das Choias. O sábado 31 remata o mes das letras coa obra de teatro Alma de Grilo de Ítaca Teatro, baseada no libro homónimo de María García. Ambas citas serán ás 20:00 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo' e son de entrada libre.