O autobús urbano de Monforte bateu o seu récord histórico de usuarios en 2024

RibeiraSacraXa
Durante o pasado ano, o autobús urbano de Monforte alcanzou a mellor cifra da súa historia con 82.580 usuarios
presentación-bus-urbano-monforte
Presentación do Bus Urbano de Monforte
29 Jan 2025

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer os datos relativos ao número de pasaxeiros que utilizaron o autobús urbano da cidade en 2024, un total de 82.580 usuarios. Esta cifra marca un fito importante para o servizo, xa que, como destacou o alcalde, “a media mensual en 2024 supera as 6.800 persoas ao mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico, superando os 82.500 viaxeiros, unha cifra nunca alcanzada neste servizo. Os datos son fantásticos”.

Tomé tamén subliñou que “o novo autobús urbano gratuíto e accesible de Monforte transportou en 2024 a 82.580 usuarios, o que supón 29.895 usuarios máis que en 2021 (52.685 usuarios, un 56,75% máis), 18.756 máis que en 2022 (63.824 usuarios, un 29,38% máis) e 13.923 máis que en 2023 (68.657 usuarios, un 20,27% máis), o que representa todo un éxito para este servizo de transporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo municipal e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

“Dende o Concello”, subliña o alcalde, “estamos moi satisfeitos con estes datos, que se traducen nun incremento do uso moi significativo se os comparamos cos anos previos á posta en marcha da gratuidade do servizo. En 2019, foron 14.422 os usuarios, e dende que comezou a funcionar de xeito gratuíto en 2020, produciuse un incremento progresivo e exponencial. De 2019 a 2024, aumentamos os usuarios en 68.158 persoas, un 472% máis”.

O rexedor monfortino sinala que, “a tenor destes datos, dende o inicio do funcionamento do novo autobús urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas, o que se reflicte nese aumento significativo de uso en comparación cos anos anteriores. Podemos asegurar que o autobús urbano de Monforte conta cunha moi alta aceptación social, que se reflicte no incremento de viaxeiros ano tras ano, o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.

Desglose de usuarios en 2024

Segundo os datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, o número de usuarios por mes en 2024 foi o seguinte:

  • En xaneiro, o número de viaxeiros foi de 5.663, fronte aos 5.480 de xaneiro de 2023.
  • En febreiro, houbo 4.812 usuarios, comparado cos 5.318 do mesmo mes en 2023.
  • En marzo, rexistráronse 6.564 usuarios, fronte aos 6.591 de marzo de 2023.
  • En abril, o número de usuarios ascendeu a 7.809, mentres que en 2023 foron 4.326.
  • En maio, rexistráronse 7.841 usuarios, comparado cos 6.198 de maio de 2023.
  • En xuño, o número de usuarios foi de 6.444, fronte aos 5.929 de xuño de 2023.
  • En xullo, houbo 6.415 viaxeiros, mentres que no mesmo mes de 2023 foron 5.152.
  • En agosto, os usuarios foron 5.882, fronte aos 5.814 do ano anterior.
  • En setembro, acadáronse os 7.512 usuarios, comparado cos 6.480 de 2023.
  • En outubro, rexistráronse 8.519 viaxeiros, un récord, xa que en 2023 foron 6.626.
  • En novembro, houbo 8.050 usuarios, fronte aos 5.886 de novembro de 2023.
  • En decembro, rexistráronse 7.069 usuarios, mentres que en 2023 foron 4.857.

Comparando os primeiros tres meses de 2024 co mesmo período de 2023, as cifras son semellantes, pero a partir de abril, todos os meses de 2024 mostraron un incremento respecto ao ano anterior. En particular, destacan os meses de outubro e novembro de 2024, con máis de 8.000 usuarios por mes, sendo outubro o mes con maior número de viaxeiros na historia do servizo, acadando os 8.519.

O Bus Urbano de Monforte: un éxito dende o primeiro día

O autobús urbano municipal de Monforte comezou o seu servizo o 1 de febreiro de 2020, sendo un caso único en Galicia e practicamente en toda España. Ademais de contar cun vehículo novo, moderno e adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, o servizo destácase por ser gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste sentido, o alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo autobús urbano de Monforte suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia, así como de numerosos medios de comunicación, tanto locais como nacionais, que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e transmisións en directo dende o propio autobús. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte público municipal e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado”, concluiu Tomé.

Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público é unha parte esencial das políticas sociais do Executivo de José Tomé. Nos seus orzamentos, manteñen anualmente as axudas destinadas ao bus para estudantes universitarios e de ciclos formativos, que en 2025 alcanzarán os 25.000 euros para axudar a sufragar os gastos das viaxes dos estudantes monfortinos fóra da cidade. Ademais, mantéñense partidas de 25.000 euros anuais para o servizo de buses escolares, que cubren as necesidades do alumnado do Colexio Novo e o Colexio de A Gándara, aínda que non sexa obrigatorio para o Concello ofrecer este servizo.

0.16798996925354