O Ateneo Casino de Monforte pon en marcha unha programación que favorece a conciliación familiar
O Ateneo de Monforte acollerá aos máis pequenos do Concello para ofrecerlles unha programación diversa e divertida grazas a iniciativa de ‘Actividades Eli & Edi’ en colaboración co Ateneo Casino.
Trátase do ¡Club Diverfindes!, que terá lugar todos os sábados a partir do día 7 de maio, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
“Estamos moi satisfeitos de tecer redes para ampliar a nosa oferta de actividades no Ateneo e chegar a novos públicos”, afirma María Loreto González Cabanas, presidenta do Ateneo Casino. “Seguimos a consolidar o Ateneo como lugar de encontro para todo tipo de persoas e idades,” salienta.
O club ponse en marcha para cubrir un baleiro de actividades infantís en Monforte e na comarca que “faciliten a conciliación familiar aos pais e nais nas fines de semana” comenta Elisa Domínguez Iglesias de ‘Actividades Eli & Edi’.
A proposta consistirá en actividades lúdico-recreativas e educativas como xogos populares, obradoiros, actividades deportivas, bailes e cancións... Dentro da oferta, incluiranse xincanas urbanas e incluso excursións a lugares divertidos da contorna.
Os socios e socias do Ateneo Casino terán un desconto mensual. As persoas interesadas deberán reservar praza antes do 25 de abril a través da web de Actividades Eli & Edi (https://sites.google.com/view/actividades-eli-edi/).
Para máis información ou dúbidas, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 604014384 ou por email a actividadeseliedi@gmail.com.