O Ateneo Casino de Monforte enche as redes de poesía en lembranza de Lois Pereiro
O Ateneo Casino de Monforte, que recentemente anunciou un novo rumbo como centro cultural, renderá unha homenaxe ao poeta monfortino Lois Pereiro con motivo do 25 aniversario do seu pasamento. Así, a partires do vindeiro martes, 16 de febreiro, día do nacemento de Lois Pereiro, as redes sociais do Ateneo encheransae de poesía a través dunha acción que conta coa colaboración de destacados persoeiros da cultura galega.
Persoeiros do mundo das letras como Manuel Rivas, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer ou Ledicia Costas; músicos como Abe Rábade e Mercedes Peón; persoas vinculadas ao audiovisual como Alfonso Zarauza, Miguel de Lira ou Martiño Rivas; xornalistas como Antón Losada, ademais de representantes do mundo do deseño, a edición ou a educación. Todos eles poñerán voz aos poemas de Lois Pereiro nuns vídeos que se publicarán en catro entregas: o martes 16 e o mércores 17, ás 12:00h e ás 20:00h. O cineasta Manuel Valcárcel é o encargado da parte visual.
#LP25anos
A iniciativa está aberta á participación de quen se queira sumar. Para iso, o Ateneo Casino pon en marcha o cancelo #LP25anos, para que a xente suba os seus propios vídeos tributo a Lois Pereiro. “Nos últimos días recibimos un aluvión de adhesións, vídeos e agarimo de multitude de lugares, dentro e fóra de Galicia, o que demostra a vixencia e importancia da figura de Lois e a súa potencia para facer de Monforte un referente”, comenta Xepe Rodríguez, responsable da área de Acción Social do Ateneo. “Vemos, ademais, como ten moita devoción entre a xente nova. É unha poesía que segue a captar novas lectoras, polo que queremos animar a todo o mundo a que participe subindo os seus propios vídeos”.
A campaña virtual estenderase dende o 16 de febreiro ata o 21 de marzo, Día da Poesía. O Ateneo anuncia que haberá máis actividades vinculadas a esta efeméride en toda Galicia, a medida que a situación sanitaria o permita.