O Ateneo Casino de Monforte acollerá a presentación de dúas obras de Estefanía Padullés
A escritora e ilustradora de Paradela, Estefanía Padullés, presentará os seus libros 'Un mundo para Maruxa' e 'O pesadelo de Mateo' o vindeiro venres, 15 de decembro.
A presentación terá lugar no Ateneo Casino de Monforte a partir das 19.30 horas, momento en que todas as persoas interesadas en desfrutar desta iniciativa, poderán facelo de maneira gratuíta.
Estefanía Padullés é unha catalana que, durante as presentacións dos seus libros, mostra un conto debuxado, o que destaca que para ela é “algo moi bonito que me relaciona cos nenos e ademais moi entrañable”.
Os libros
Segundo a escritora, "os libros non son novidade, pero como o libro de 'Un mundo para Maruxa' saíu en pandemia, pois quedou sempre pendente a presentación en Monforte. Eu colaboro moitas veces coa libraría Agrasar e algunha vez tamén participei noutras presentacions no Ateneo, así que pedinlles de facer a presentación destes libros", defende.
Por outra banda, di que "aínda que eu sempre fago as presentacions como obradoiros ou contacontos, nesta volta quero centrarme en contarlle ao público o proceso que me levou a escribir un libro sobre educación ambiental a partir das miñas experiencias como bióloga nun centro de recuperación de fauna marina e nunha reserva zoolóxica; e como pasei dende o mundo da conservación e coidado de especies en perigo, a traballar sobre a concienciación a través dos libros para cativos".
En definitiva, explica, "vou falar dos dous libros, pero sobre todo quero centrarme no libro de Maruxa e a concienciación do que poden facer os nenos de xeito individual para reducir o consumo de plásticos e coidar dos ecosistemas dos que forman eles parte no seu día a día".