O Ateneo Casino de Monforte acolle a presentación do libro de fotografías 'Retrato de Monforte'
Este sábado, 10 de agosto, ás 20.00, presentarase no Ateneo Casino de Monforte o último libro editado pola Editorial Agrasar Editores de Monforte.
Trátase do libro de fotografías 'Retrato de Monforte', de Tino Vila, fotógrafo de referencia da zona. Na súa obra, os lectores poderán facer un percorrido pola segunda metade do século XX, no que se mostra a transformación da cidade de Monforte de Lemos, tanto no seu apartado urbanístico como social.
A través da cámara de Tino Vila, podemos rememorar aqueles anos e volver lembrar momentos históricos, atopar a familiares e coñecidos e ver a evolución das rúas e edificios da cidade.
No acto estarán presentes Ángel Arnáiz, xornalista encargado de redactar os textos que acompañan as imaxes, ademais de identificar as persoas que saen nas fotografías; Ramón González Álvarez, Ramón da auga, amigo da familia Vila e encargado, xunto con Arnáiz, da identificación das fotografía: e Jacobo R. Agrasar, editor do libro con Agrasar Editores.