O alumnado dos obradoiros de emprego de Monforte recibiu os seus diplomas
Este luns os 20 alumnos e alumnas que participaron nos dous obradoiros municipais de Monforte concluíron a súa formación. O alcalde, José Tomé Roca, fixo entrega dos diplomas certificados aos matriculados no obradoiro de Arquivo Dixital e no obradoiro de Traballos de carpintería e moble.
José Tomé salientou que con esta formación crearon “24 postos de traballo durante 12 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”. O obradoiro celebrouse dende novembro de 2022 ata finais deste mes de outubro de 2023 nas instalacións da Escola Taller de A Pinguela, rehabilitada en dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.
Na visita, o alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, a Directora do Obradoiro, Olga López Sesto, representantes da Xunta como o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e membros da Corporación municipal. O obradoiro, que contou cun orzamento que superou o medio millón de euros, estivo promovido polo Concello e subvencionado polo Goberno de España.
Arias lembrou que nas vindeiras semanas botará a andar outro obradoiro de emprego no municipio, que suporá novas oportunidades laborais para outros tantos traballadores desempregados e contará cun orzamento de 534.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Carpintería e moble e documentación
Neste obradoiro actuouse na recuperación de pequeno mobiliario urbano que estaba deteriorado pero que reunía unhas características de calidade e de deseño que se volveron recuperar e restaurar.
Por outra banda, tamén se traballou na recuperación de material antigo propiedade municipal e provinte da antiga Casa de Socorro, materia que foi retirado no momento en que o edificio foi baleirado, logo de que o Concello llo cedera ó Ministerio do Interior para a instalación das dependencias da futura Comisaría da Policía Nacional.
Esta formación foi a continuación do Obradoiro Arquivo Dixital, impartido na pasada edición de 2021-2022. Esta segunda parte centrouse na organización e informatización de arquivos de expedientes de diferentes oficinas de Servizos Municipais, de documentación do Arquivo histórico do Concello de Monforte, así como de documentación administrativa de interese e a disposición do cidadán.
Deste xeito, incluíu a ordenación, identificación, clasificación e descrición destes documentos, co obxectivo de cargar estes expedientes na aplicación de xestión documental do Concello. Así, foron dixitalizados libros de actas consistoriais, documentación histórica e documentación administrativa.
As tarefas incluíron a captura de documentos orixinais e a súa edición e implementación de metadatos, coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental electrónico do Concello de Monforte de Lemos, segundo os requirimentos técnicos fixados polo mesmo. O obxectivo foi dinamizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando a súa xestión mediante a aplicación das TIC, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara o futuro e mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía, á vez que se impulsa a administración electrónica.
Mellorar as oportunidades laborais
Con este tipo de programas, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado. A pretensión final é que os matriculados “poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar a través dunha axuda do Concello, de 1.500 € por alumno que convocamos a mediados do pasado mes de setembro, logo da súa formación no obradoiro de emprego”, destacou o alcalde.
O rexedor pechou a súa intervención felicitando ós participantes nos obradoiros polo bo traballo desenvolto ó longo do ano e desexoulles sorte na súa incorporación ó mercado laboral.
Pola súa parte, Arias instou aos participantes a “explorar a opción do autoemprego, para o que contaredes co apoio decidido da Xunta”. Ao respecto, lembrou que Galicia será pioneira en establecer a Cota cero para os novos autónomos, subvencionando o 100% das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta entre o 30 de setembro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.