O alumnado dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo inaugura unha exposición sobre o Castañazo

RibeiraSacraXa
A mostra reúne os traballos realizados polos estudantes para reflectir a súa visión do Castañazo e poderá verse ata o 30 de novembro
expo-castañazo-chantada
17 Nov 2025

O alumnado dos CEIP Eloísa Rivadulla e Xoán de Requeixo expón na Casa da Cultura de Chantada unha mostra titulada “Ourizos Miúdos”, que reúne os traballos realizados polos estudantes para amosar a súa visión do Castañazo, que este ano celebrou a súa vixésima edición.

A asociación cultural Castañazo, organizadora do festival homónimo, incorporou á súa programación actividades dirixidas aos máis pequenos baixo o nome de Ourizo Miúdo. Xa durante a pasada edición do festival se mostraran algunhas destas creacións infantís, que agora poden visitarse na Casa da Cultura.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de novembro, en horario de luns a venres de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. A iniciativa busca consolidarse en futuras edicións para seguir amosando como a infancia reflicte as súas experiencias co Castañazo.

⚙ Configurar cookies
0.071699857711792