O alumnado do obradoiro dual de emprego Serra do Faro completou a renovación integral do Parque Eloísa Rivadulla

RibeiraSacraXa
As persoas participantes remodelaron e melloraron a contorna dotándoa de saneamento e dunha plataforma única con solo de formigón entre a beirarrúa e o espazo polo que circulan os vehículos de servizo
parque-eloisa-rivadulla
Parque Eloísa Rivadulla
12 Apr 2025

A finais de decembro de 2024 púxose en marcha a IX edición do obradoiro dual de emprego Serra do Faro, promovido polo Concello de Chantada en colaboración cos concellos de Carballedo e Taboada. Nestes meses, o módulo de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización estivo a traballar en Chantada, centrando a súa actividade no Parque Eloísa Rivadulla e no Paseo Fluvial.

Na parte alta do Parque Eloísa Rivadulla dotouse a zona de saneamento para a recollida de augas pluviais e creouse unha plataforma única con solo de formigón entre a beirarrúa e o espazo polo que circulan os vehículos de servizo. “Unha vez que conseguimos unha plataforma de superficie chá que fai este espazo máis accesible e moderno, limpamos as superficies de pedra e instalamos bancos e outro mobiliario. Con estas melloras deixamos o Parque Eloísa Rivadulla remodelado ao 100%, despois de ter creado os baños e acondicionado toda a zona verde coa anterior edición do obradoiro de emprego. A isto engadimos o novo parque infantil que inauguramos o pasado ano”, explica o alcalde, Manuel Lorenzo Varela.

Este módulo do obradoiro de emprego tamén estivo a traballar no Paseo Fluvial do río Asma, onde se acondicionaron os dous miradoiros, levantando o solo e colocando un novo pavimento, aproveitando para instalar ramplas de acceso que melloran a accesibilidade a estes espazos. No Paseo Fluvial está a actuar tamén o módulo de Xardinaría, que nestas semanas continúa coa retirada de árbores secos e a reposición de especies para manter este pulmón verde. Ademais, este módulo encárgase de crear unha gran área verde na zona do barrio de Marín.

Unha vintena de persoas recibe formación ao longo de 9 meses neste obradoiro de emprego. Aos anteriores módulos hai que engadir o de Atención Sociosanitaria, que desenvolve a formación na residencia do Concello de Carballedo.

⚙ Configurar cookies
0.068114042282104