O alumnado do Obradoiro dual de Emprego está a mellorar o parque Eloísa Rivadulla de Chantada
O Obradoiro Dual de Emprego Serra do Faro VIII, que forma a unha vintena de alumnos dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada nos módulos de Xardinaría, Albanelaría e Atención Sanitaria, está a centrarse no Parque Eloísa Rivadulla no caso do Concello de Chantada.
Así, o alumnado de Albanelaría estivo acondicionando o parque e mellorando a súa accesibilidade, habilitando novos baños públicos, mellorando os pendellos que se crearan cun Obradoiro anterior e fixéronse uns baños accesibles para uso da xente que visita o parque.
Ademais de pequenas obras e mantemento de xardíns, neste parque eliminarase a zona de aparcamento para dotalo dunha zona verde axardinada con árbores e bancos.
“Queremos humanizar o Parque Eloísa Rivadulla con estas melloras. É un privilexio ter en Chantada este espazo tan amplo e tranquilo. Temos as pistas de tenis, a escola infantil, está ao carón o centro de día, o restaurante que é unha concesión municipal. E agora estámoslle dando máis accesibilidade e comodidade como zona verde para o esparexemento”, asegura o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Coa transformación do aparcamento do Parque Eloísa Rivadulla en zona axardinada, o Concello de Chantada habilita un novo espazo para estacionamento. Trátase dunha finca na rúa Muiñeira de Chantada, que un particular cede ao concello para acondicionar como parking público.