O alumnado do obradoiro de emprego de Bóveda levou a cabo a limpeza da Avenida de Galicia, en Rubián

O alumnado de Bóveda do obradoiro dual de emprego ‘Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón’ levou a cabo estes días traballos de limpeza e roza na Avenida de Galicia, en Rubián. Unha actuación máis que se suma a outras como a de plantación, rego e entourado de árbores en Teilán, rematada fai unhas semanas, ou os traballos de limpeza, roza e poda levados a cabo no paseo do Muíño do Xil.
En total, participan neste obradoiro de emprego de xardinería promovido polos concellos de Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón, un total de 20 alumnos e alumnas, que realizan a súa formación entre os meses de decembro e setembro. A actividade conta coa financiación da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, que achegou 412.000 euros para o seu desenvolvemento.
Os participantes compaxinan durante os nove meses de duración destes talleres formacións teóricas e prácticas, impartidas por persoal especializado, para mellorar as súas posibilidades de incorporarse ao mundo laboral. O alumnado que complete a actividade poderá acreditar a súa cualificación mediante un certificado profesional.